A EPS acolle este xoves unha xornada sobre infraestruturas ferroviarias
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC celebra este xoves 19 de outubro, a partir das 10.00 horas, o ciclo de relatorios Optimización aplicada ao deseño de infraestruturas ferroviarias, un programa divulgativo organizado en colaboración con Ineco, ADIF e a Deputación Provincial de Lugo, que está especialmente dirixido a estudantes do grao en Enxeñaría Civil e a profesionais interesados na temática
A directora da EPSE, Rosa Romero, abrirá o programa das xornadas cun breve acto de benvida ao participantes no salón de actos do centro universitario lugués, o escenario no que de seguido, María Sánchez Valdepeñas, psicóloga e especialista en formación e xestión de talento, fará unha presentación do grupo empresarial Ineco. Ao remate da súa intervención, o enxeñeiro de Camiño, Canais e Portos de Ineco, ademais de especialista en trazado ferroviario, Ignacio González Benito, ofrecerá a charla Trazado ferroviario en fase de proxecto (Ineco). O enxeñeiro Civil e enxeñeiro técnico en Topografía Miguel Prado Penas, que está especializado en execución de obras de infraestruturas lineais, pechará a primeira quenda de intervencións cunha exposición sobre a execución en obra dos proxectos de trazado ferroviario.
Os profesores da USC Alberte Castro Ponte, da Área de Enxeñaría e Infraestrutura do Transporte da USC, e Miguel E. Vázquez Méndez, do departamento de Matemática Aplicada, pecharán o programa matinal cunha sesión explicativa sobre as técnicas de optimización no deseño automático de infraestruturas lineais e as súas aplicacións en trazados ferroviarios.
O programa desta xornada sobre infraestruturas ferroviarias terá continuidade en quenda de tarde cunha visita de obra á liña ferroviaria que conecta Monforte de Lemos e Ourense, a través da que se poderá coñecer os labores de rehabilitación e mellora que está a desenvolver ADIF.