A EPS crea un sementeiro para conservar a diversidade xenética da Árnica Montana
A liña de investigación liderada no Campus Terra da USC por investigadores da EPSE e da Facultade de Veterinaria conta desde 2017 con financiamento da Deputación de Lugo, que este ano apoia o proxecto con 17.000 euros.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC contempla a creación dun sementeiro coas distintas variedades de árnica presente en Galicia para, unha vez que agromen as novas plantas, realizar estudos sobre as dinámicas de polinización, ademais de fundar familias que permitan crear un mapa xenético para refinar o xenoma obtido. Esta nova acción proxectada a prol da recuperación da Arnica montana L. conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, que este ano achega 17.000 euros para que o equipo de investigadores ddo Campus Terra da USC liderado por Rosa Romero e Manuel Vera continúe co traballo que vén desenvolvendo desde hai máis dun lustro.
O labor de conservación e os estudos de seguimento dos exemplares presentes no cultivo controlado de que dispón EPS de Enxeñaría (common garden) das diferentes variedades de árnica presente en Galicia e que inclúen os distintos grupos xenéticos e bioquímicos desta especie, constitúen outras das actividades financiadas pola Deputación de Lugo ao abeiro dun proxecto que tamén contempla a análise xenética mediante loci microsatélites destes exemplares, así como doutras plantas de árnica procedente do municipio de Samos.
A liña de traballo para a recuperación do cultivo da árnica en Galicia á que presta soporte económico a Deputación de Lugo desde 2017, contempla asemade dar continuidade ao desenvolvemento do xenoma completo para A. montana L., co obxectivo de localizar os marcadores de tipo SNP de interese. A realización de ‘minerías’ xenómicas para identificar os posibles xenes candidatos involucrados na diferenciación dos distintos grupos poboacionais (incluíndo as diferenzas nas composicións bioquímicas de lactonas sesquiterpénicas) e a identificación de marcadores que permitan realizar trazabilidade da árnica procedente de Galicia, constitúen outros dos obxectivos que pretende este proxecto de I+D+i, no que tamén colaboran os investigadores Carmen Bouza e David Casanova, do grupo Acuigen, e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Antonio Rigueiro e Carlos Real, do grupo Silvopast do Campus Terra da USC.
Usos e propiedades
A Arnica montana L. é unha planta medicinal amplamente utilizada en farmacia, homeopatía e cosmética. Tales propiedades débense a que a planta contén diferentes compostos bioactivos, responsables destes beneficios medicinais, subliñan os investigadores. O abastecemento dos mercados (a demanda anual é ao redor das 50 t de flor seca) faise fundamentalmente a partir de material procedente das poboacións naturais. Esta extracción intensa e continuada xunto cos cambios de uso do territorio, levou a unha diminución constante de moitas das súas poboacións, ata o punto de que nalgúns países a especie desapareceu ou está moi comprometida a súa supervivencia.
En Galicia non hai ningún tipo de lexislación restritiva á recollida e comercialización da árnica nin á súa protección. Esta realidade propicia unha intensa presión sobre as poboacións naturais, que van decaendo co paso do tempo. Neste senso, cómpre lembrar que o cada vez maior número de preparados fito-farmacéuticos que se fan con exemplares de árnica pertencentes ao denominado quimiotipo español ou ibérico (rico en lactonas sesquiterpénicas do tipo dihidrohelenalina), que resulta menos alerxénico que o quimiotipio centroeuropeo (rico en lactonas sesquiterpénicas do tipo helenalina)
Estudos anteriores
Os estudos sobre a caracterización da árnica desenvolvidos con financiamento da Deputación de Lugo permitiron identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais. Estas pescudas apuntan cara a existencia dunha relación directa entre a tipoloxía bioquímica e a variabilidade xenética atopada nas distintas poboacións de árnica analizadas.
Para evitar a perda de poboacións naturais de árnica no ano 2018 puxéronse en marcha parcelas de cultivo en Xermar (Cospeito) e, aínda que os bancais sufriron perdas importantes debido aos efectos de roedores, este experimento puxo de manifesto que a planta pódese domesticar con éxito ofrecendo incluso rendementos produtivos moi superiores os que se atopan nas poboacións naturais, sinalan os investigadores.
Con estes antecedentes, sumados a feito de que a Arnica montana L. é unha planta que está presente en todo o norte peninsular, fíxose necesario estender os estudos de caracterización morfolóxica, bioquímica e xenética a poboacións doutros territorios do norte peninsular para coñecer a distribución dos distintos grupos. Por este motivo, na anualidade de 2021, analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña. O resultados, que deron lugar á realización dun Traballo Final de Máster (TFM) no Máster en Xenómica e Xenética e que xa están sometidos como artigo científico a unha revista internacional do campo, indicaron que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis relacionadas coas poboacións da Serra do Courel que presentan o quimiotipo europeo.
Os resultados xa obtidos subliñaron a importancia das poboacións galegas para o mantemento do grupo ibérico, xa que esta comunidade é na que se conservan as mellores poboacións de árnica. Tamén se analizaron os patróns bioquímicos das novas localidades ibéricas analizadas, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que foron moi coincidentes cos descritos previamente, malia que se atopou algunha discrepancia, que preténdense explicar coa análise xenómica da especie. Na anualidade de 2021 xa se realizaron diferentes librerías empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración (NGS) e xenotipado por secuenciación (GBS), que identificaron decenas de miles de polimorfismos nucleotídicos únicos (SNPs) potenciais distribuídos ao longo do xenoma.
O emprego destes marcadores, durante a anualidade de 2022, confirmou a presenza dos diferentes grupos xenéticos previamente descritos e identificaron a presenza de marcadores moleculares que poderían estar asociados ás diferencias entre os diferentes quimiotipos. Ademais, recibíronse os primeiros resultados de secuenciación do xenoma da especie que se está a desenvolver no Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG, das súas siglas en castelán) en Barcelona.