A EPS de Enxeñaría mellora a xestión hídrica de variedades tintas de vide

LugoXa
Un grupo del Campus Terra de la USC liderado por Javier J. Cancela investiga los efectos de la frecuencia del riego en los viñedos.
quiroga viñedos uvas plantas
6 Dec 2021

Un grupo de investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC liderado por Javier J. Cancela avanza na optimización da xestión hídrica de variedades tintas de vide ao abeiro dun proxecto nacional que conta con máis de 350.000 euros de financiamento a cargo do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación, e no que participan xunto coa USC o Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela León (ITACYL), o Instituto Técnico Agronómico Provincial de Albacete (ITAP) e o Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura (CICYTEX), que actúa como coordinador.

O uso eficiente da auga e a implantación de novas prácticas agronómicas acaídas constitúen o obxectivo prioritario do programa ‘Xestión hídrica e agronómica anual en variedades tintas de vide para mellorar o seu manexo produtivo, cualitativo e diminuír os efectos do cambio climático’, unha iniciativa de I+D+i centrada nas variedades de uva tinta presentes en diferentes localizacións vitícolas de España, tales como son a Garnacha, Tempranillo, Syrah ou Mencía. Daquela, alén da optimización das prácticas de rega, este consorcio de investigación busca achegar solucións ás alteracións que está a provocar o cambio climático respecto a pragas e enfermidades, fenoloxía da vide, procesos de maduración, rendemento e calidade da uva.

A xénese de novo coñecemento que permita a posta en marcha de sistemas de cultivo sustentables en viticultura, á vez que resulten eficientes en canto a rendemento, calidade e uso de recursos, antóllase como unha necesidade para facer fronte aos efectos que está a deparar o cambio climático no sector vitícola, sinala Javier J. Cancela. Este investigador do Campus Terra da USC explica asemade que as diversas liñas de traballo activadas no marco deste proxecto procuran maximizar a auga utilizada pola planta, mellorar o microclima da cepa e na zona de acios, regular a produción, incrementar a calidade da uva e reducir o uso de herbicidas.

As accións promovidas no marco deste proxecto polo grupo de investigadores da EPS de Enxeñaría da USC, integrado por Javier J. Cancela, Jorge Dafonte, Xesús Pablo González e Teresa Teijeiro, e co que colabora a enóloga investigadora do CSIC Mar Vilanova, céntranse nos viñedos de variedade de uva Mencía existentes na Ribeira Sacra, onde este grupo da USC xa está a analizar os efectos do emprego dun acolchado de restos de laxas procedentes da zona como alternativa aos herbicidas.

Así, unha vez cuberto o solo das liñas de viñedo cunha con material inorgánico procedente de material e refugallos de laxe, este equipo de investigadores da EPSE están a avaliar o seu efecto para diminuír a maleza, a fin de probar se representan unha alternativa eficaz aos herbicidas químicos. De xeito parello, tamén se está a examinar a utilidade e eficiencia desta técnica novidosa na conservación da auga de choiva, así como na posible mellora do perfil dos solos e calquera outra achega vantaxosa que poidan reportar estas cubertas de laxe, cuxos efectos reais nos viñedos aínda están sen comprobar logo de contabilizar aínda escasos ensaios.

Reunión de seguimento no Campus Terra
Os resultados provisorios xa obtidos coas técnicas agronómicas postas xa en marcha en parcelas experimentais de viñedo na Ribeira Sacra foron un dos temas tratados na última reunión de seguimento do proxecto, un encontro que vén de celebrarse na sede universitaria luguesa.

A xuntanza serviu para intercambiar e poñer en coñecemento de todos os socios do consorcio os resultados das pescudas e prácticas de xestión hídrica xa completadas, así como para coñecer os efectos que está a deparar a experiencia posta en marcha en Castela A Mancha, onde se cubriron as cepas en fase pre-brotación para simular o período invernal e estudar técnicas acaídas para paliar os efectos negativos da seca.

O manexo do dosel foliar ou parte aérea das plantas centra os ensaios que se están a desenvolver en Castela León e Estremadura, cuxos equipos de investigación están a realizar a monitorización e recollida de datos para o axuste do dosel foliar das cepas, a fin de acadar as condicións máis óptimas. Daquela, os estudos desenvolvidos nestas rexións pivotan arredor da densidade foliar e da distribución das follas, así como dos seus efectos ou implicacións na actividade fotosintética, a radiación solar que chega aos ácimos, ou, entre outros parámetros, a incidencia na maduración e a composición das baias.

0.18337082862854