A EPS de Enxeñaría reduce as emisións de gases contaminantes de xurros de porcos
A tese de doutoramento desenvolvida no Campus Terra da USC por Miguel Fernández Labrada baixo a dirección de Adolfo López Fabal e Elvira López Mosquera avanza tamén na caracterización do valor agronómico dos xurros porcinos e analiza os cambios rexistrados durante o tratamento para o seu uso como fertilizante ou auga rexenerada.
Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC permite reducir en máis dun 80% as emisións de gases contaminantes do xurros de porco, segundo conclúe o enxeñeiro agrónomo polense Miguel Fernández Labrada na tese de doutoramento ‘Xestión agronómica e ambiental de xurros de porco. Tratamentos en fosa e dixestión anaerobia’, dirixida polos profesores Adolfo López Fabal e Mª Elvira López Mosquera.
As pescudas realizadas por Fernández Labrada co triplo obxectivo de atopar alternativas para reducir a carga de nutrientes en áreas con elevada produción de xurros porcinos debido ao incremento do tamaño das explotacións, ademais de para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco derivadas da aplicación e manexo destes xurros, presentan unha marcada orientación práctica e prevén ofrecer respostas ao progresivo incremento das explotacións intensivas de porcino que, cada vez, xeran un maior volume de xurros.
A actual xestión dos residuos orgánicos producidos nas granxas de porcino cínguese ao seu almacenamento en fosas até a súa aplicación a campo como fertilizante. A gran variabilidade na composición dos xurros porcinos dificulta o axuste dos nutrientes achegados ás necesidades de cada cultivo, mingua a súa eficiencia como fertilizante e causa impacto ambiental, dado que o xurro sofre perdas gasosas tanto durante o seu almacenamento como trala súa aplicación no terreo, sinala Fernández Labrada. A investigación de doutoramento deste enxeñeiro agrónomo apunta tamén a pertinencia de aproveitar os xurros de porco que se producen en áreas de alta concentración gandeira, cuxos terreos acostuman ser excedentarios en nutrientes, para rexións agrícolas máis deficitarias. Para acadar este cometido, a investigación propón abaratar o transporte de nutrientes, a través da súa concentración e da optimización da xestión da fracción líquida resultante.
A caracterización do valor agronómico dos xurros producidos en Galicia e a valoración dos principais riscos asociados ao seu uso fíxose a partir de estimacións dun estudo no que se tomaron 128 mostras de 32 granxas de tres tipos (nais con leitóns, leitóns e porcos de engorde) durante dous anos. Así, logo de analizar as propiedades fisicoquímicas, bacterioloxía, metais pesados, macronutrientes e micronutrientes dos xurros, Fernández Labrada identificou como principais riscos o elevado contido en metais pesados (Cobre e Zinc), especialmente no xurro de leitóns, e elevados niveis de positividade en Salmonella spp. A investigación desenvolve asemade modelos de estimación que permite ao agricultor coñecer de forma rápida a riqueza dos xurros.
O estudo das modificacións dos xurros de porco logo do seu tratamento fíxose nunha planta piloto de separación -dixestión anaerobia- microfiltración para obter un digestato utilizable como fertilizante líquido concentrado e auga rexenerada. O tratamento da fracción líquida do xurro na planta incrementou en 7,2 veces a materia seca e o digestato concentrado mostrou unha dinámica de mineralización de nitróxeno similar aos xurros sen tratar.
A avaliación da eficacia de tratamentos aplicados na fosa para a redución das emisións gasosas dos xurros tanto na fase de almacenamento como na posterior aplicación ao campo permitiu estudar o efecto do achegue de distintos aditivos aos xurros (un bioactivador a base de microorganismos, biochar aplicado en superficie, ácido sulfúrico e cloruro férrico) para coñecer o seu efecto mitigador sobre as emisións gasosas do xurro durante o seu almacenamento. As medicións realizadas mediante cámara dinámica durante 3 meses permitiron constatar un notable incremento da materia seca e unha sensible redución das emisións gasosas, un comportamento que tamén se mantivo estable logo da aplicación deste material resultante sobre o terreo.
Tribunal de tese e cualificación
O responsable del Departamento de Producción Agroalimentaria, Medio Ambiente e Teritorio (Ceteca), Lucio García Calvo, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Fernández Labrada, unha investigación desenvolvida en colaboración co sector e cos axentes produtivos, na que participaron de xeito activo o Centro Tecnolóxico de la Carne, a empresa Agroamb S.L. e a Empresa Brasileira de Pesquisa Agropecuaria (Embrapa Brasil).
O xefe adxunto de investigación Embrapa Suinos e Aves, Rodrigo da Silveira Nicoloso, e a profesora da USC na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, Dolores Fernández Rodríguez, completaron a composición dun comité que outorgou á tese de doutoramento presentada por Miguel Fernández Labrada a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.