A EPSE organizou un acto polo Día Forestal Mundial ou Día dos Bosques

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC organizou un acto de plantación de especies autóctonas con motivo do Día Forestal Mundial ou Día dos Bosques.
Acompañado pola directora da Escola Politécnica, Rosa Romero, o vicerreitor do Campus Terra, Francisco Fraga, e un grupo de estudantes de cuarto curso de Forestais e Montes, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, desprazouse ao barrio de San Fiz, onde se levou a cabo a plantación dun bosquete de carballos cedidos pola EPSE, nunha parcela municipal situada na esquina da rúa Montirón coa rúa Fonte da Bica.
Durante o acto, Miguel Fernández destacou que “esta plantación nun dos barrios en expansión simboliza a aposta deste Goberno Local pola convivencia entre o Lugo urbano e rural no noso modelo de cidade”. Ademais, agradeceu “o importante traballo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría na implantación de empresas que lideren a economía verde, fundamental para o noso municipio”.
O alcalde tamén felicitou a Escola Politécnica pola súa traxectoria e a súa contribución á formación académica, subliñando o seu papel clave na reforestación e no deseño de espazos urbanos e periurbanos. Resaltou, ademais, a importancia da arborización non só no contexto do cambio climático e a súa contribución ao medio ambiente, senón tamén na calidade de vida da veciñanza de Lugo.
Finalmente, Miguel Fernández animou ao alumnado participante a desenvolver a súa traxectoria profesional en Lugo e a contribuír a empresas innovadoras centradas na economía verde, a tecnoloxía e as enerxías limpas e sostibles.