A escalada achégase aos máis pequenos no rocódromo de Lugo
O rocódromo RocoLugo, no Pazo de Feiras e Congresos, acolleu no día de onte a visita de máis de 50 mozos e mozas de 12 anos, participantes no programa Xogade, da Secretaría Xeral para o Deporte. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo achegar o deporte da escalada a 300 escolares lucenses, a través das seis agrupacións deportivas escolares da provincia de Lugo.
Destacouse o éxito da iniciación á escalada dentro do programa denominado Xogos Galegos en Idade Escolar, Xogade, desenvolto pola Secretaría Xeral para o Deporte, posto en marcha de xeito experimental e por segundo ano consecutivo. Ademais salientouse o cumprimento do principal obxectivo, como é o achegamento dos mozos e mozas á escalada. A iniciación a este deporte lévase a cabo en Rocolugo, considerado o mellor rocódromo de España e o terceiro de Europa, situado nun pavillón de 5.000 metros cadrados do Pazo de Feiras e Congresos.
Trátase ademais dunha instalación homologada para a celebración de probas internacionais e para a práctica de todas as especialidades olímpicas. A construción e posta en marcha do Rocódromo partiu da colaboración entre a Federación Galega de Montañismo, a iniciativa privada e o apoio das administracións.
No bautismo á escalada celebrado onte, os participantes recibiron primeiro unha pequena charla sobre a teoría básica deste deporte, as técnicas, a seguridade e as súas tres modalidades, - dificultade, velocidade e búlder,- para despois realizar a práctica deportiva.