A Escola Deportiva Shihan abre a Liga Nacional en Valdepeñas cunha medalla de prata en Kata Cadete

A Escola Deportiva Shihan iniciou a súa participación na Liga Nacional cun desprazamento a Valdepeñas, onde estivo presente na primeira xornada das categorías Cadete e Senior cun equipo formado por catro deportistas. Nayla Pin, Naiara Pérez, Marta Martínez e Uxía Folgueira representaron ao club nesta esixente cita do calendario nacional, marcada polo alto nivel competitivo das probas.
O resultado máis destacado da fin de semana foi a medalla de prata acadada por Uxía Folgueira na modalidade de Kata Cadete, un logro que confirma o bo momento deportivo da karateca nun contexto especialmente relevante da tempada. Esta actuación supón un importante paso no seu proceso de preparación de cara á súa próxima gran cita internacional, o Campionato de Europa que se celebrará en Chipre durante a fin de semana do 7 de febreiro.
As deportistas da Escola Deportiva Shihan estiveron acompañadas en todo momento por un dos adestradores nacionais do club, Christian Veiga, quen supervisou o traballo do equipo nunha xornada que serviu tamén para sumar experiencia competitiva e continuar afianzando o rendemento das karatecas en escenarios de máxima esixencia.