A Escola Deportiva Shihan arrasa no Galego sénior e de clubs con arredor de trinta medallas

A Escola Deportiva Shihan participou no Campionato Galego Sénior e de Clubs cunha ampla expedición formada por 120 deportistas, asinando unha actuación destacada que lle permitiu volver situarse á cabeza do medalleiro autonómico.
Na sesión matinal, correspondente ao Galego Sénior, o club competiu con 11 karatecas e colleitou unha medalla de ouro, dúas de prata e seis de bronce. A medalla de ouro foi para Roque Mazoy en kumite inferior a 67 quilos. As medallas de prata chegaron da man de Marta Martínez en kata sénior e de Hugo Martínez en kumite sénior inferior a 75 quilos. Pola súa banda, as medallas de bronce foron para Samuel Fontenlos en kumite inferior a 67 quilos, Jandro Osorio en kumite sénior inferior a 84 quilos, Sonia Vázquez en kata VetE2, David Rubal en kata VetE1 e tamén en kumite VetE1 superior a 75 quilos, así como Quique Quintana en kumite VetE2 superior a 75 quilos.
Xa pola tarde, no Galego de Clubs, no que participaron 39 equipos compostos por tres integrantes cada un, a entidade sumou un amplo número de podios. Conquistou seis medallas de ouro en kata benxamín, kata xuvenil, kata cadete, kata júnior, kata sénior e kumite sénior masculino. Ademais, acadou seis medallas de prata en kata benxamín, kata alevín, kata júnior, kata sénior, kumite xuvenil e kumite cadete-xúnior feminino. O medalleiro completouse con dez medallas de bronce en kata benxamín, kata alevín —en dúas ocasións—, kata infantil, kata cadete, kata júnior, kumite alevín, kumite infantil, kumite cadete-xúnior masculino e kumite cadete-xúnior feminino.
Unha vez máis, a Escola Deportiva Shihan logrou coroarse como referente autonómico nunha competición na que os deportistas estiveron acompañados en todo momento polos adestradores Adrián Yáñez, Christian Veiga, Lara Abelleira e Daniel Rodríguez. O club contou tamén con representación arbitral a través de Uxía Rivas.
A actividade competitiva non se detén e a vindeira fin de semana o equipo desprazarase ata Logroño para participar na Liga Nacional infantil.