A Escola Deportiva Shihan consegue sete medallas na Gran Final da Liga Nacional en Tenerife

LugoXa
O club logrou tres ouros, unha prata e tres bronces nunha cita á que só accederon os mellores competidores do Estado
Gran-Final-de-la-Liga-Nacional-Escola-Deportiva-Shihan
18 Dec 2025

A Escola Deportiva Shihan participou esta fin de semana en Tenerife na Gran Final da Liga Nacional, unha competición de máximo nivel á que só se clasifican os oito mellores deportistas de kumite e os doce mellores de kata de toda España.

A expedición regresou cun balance moi destacado, tras acadar sete clasificacións que se traduciron en seis medallas, repartidas en tres ouros, unha prata e tres bronces, ademais de dous recoñecementos como Grand Winner aos mellores deportistas das súas respectivas categorías.

Entre os resultados individuais, Uxía Folgueira subiu dúas veces ao podio ao conquistar a medalla de bronce en kata cadete e outro bronce en kumite cadete na categoría de menos de 54 quilos. Carmen Cendán proclamouse campioa en kumite alevín de menos de 26 quilos, mentres que Iria Enríquez asinou unha actuación sobresaliente ao facerse co ouro e o título de Grand Winner en kumite infantil de menos de 30 quilos.

Tamén destacou Xoán Rosa, que logrou a medalla de ouro e o recoñecemento como Grand Winner en kata infantil en cadeira de rodas, confirmando o seu alto nivel competitivo. Pola súa banda, David Enríquez obtivo a medalla de bronce en kumite cadete de menos de 52 quilos, e Roque Mazoy acadou a prata en kumite sénior de menos de 67 quilos.

Desde o club quixeron salientar igualmente a participación de Marta Martínez en kata sénior, que realizou un traballo moi sólido durante a competición malia non lograr medalla, contribuíndo ao excelente papel global da Escola Deportiva Shihan nunha das citas máis esixentes do calendario nacional.

⚙ Configurar cookies
0.086925029754639