A Escola Deportiva Shihan destaca no Campionato de España Sénior de kárate en Pontevedra

LugoXa
O mellor resultado para a entidade chegou da man de Roque Mazoy, que acadou un meritorio quinto posto en kumite sénior -67 quilos
shihan-karate
31 Mar 2026

A cidade de Pontevedra acolleu esta fin de semana o Campionato de España Sénior de kárate, unha cita de máximo nivel na que participaron catro deportistas da Escola Deportiva Shihan, seleccionados pola Federación Galega para representar á comunidade.

Desde o club quixeron felicitar o traballo realizado por Alejandro Osorio, en kumite sénior +84 quilos; Hugo Martínez, en kumite sénior -75 quilos; e Marta Martínez, en kata sénior, quen, malia non optar ás medallas, ofreceron un bo rendemento durante a competición.

O mellor resultado para a entidade chegou da man de Roque Mazoy, que acadou un meritorio quinto posto en kumite sénior -67 quilos. O deportista quedou ás portas do podio tras caer por un axustado 3-2 na loita polo bronce, nun campionato no que competía no seu segundo ano na categoría sénior, sendo aínda sub-21.

Durante a competición, os karatecas estiveron acompañados por Christian Veiga, un dos técnicos convocados pola Federación Galega, que formou parte do equipo de apoio ao combinado autonómico.

0.12272119522095