A Escola Deportiva Shihan logra unha prata na Liga Nacional disputada en Cidade Real

A Escola Deportiva Shihan desprazouse ata Cidade Real para participar nunha nova xornada da Liga Nacional, na que competiu con tres deportistas do club. A expedición regresou cunha destacada actuación, marcada pola medalla de prata conseguida por Roque Mazoy.
O karateca lucense proclamouse subcampión na modalidade de kumite na categoría sub-21 de menos de 61 quilos tras completar unha competición moi sólida. Mazoy superou con autoridade todos os seus combates previos e alcanzou a final despois de mostrar un alto nivel durante toda a xornada.
O combate decisivo foi especialmente axustado e resolveuse nos últimos instantes. O marcador finalizou cun empate a 3 puntos, pero a vantaxe do primeiro punto logrado correspondeu ao seu rival, circunstancia que acabou decantando a vitoria do outro lado e deixando a prata para o deportista da Escola Shihan.
Ademais deste resultado, o club tamén destacou que Roque Mazoy foi convocado novamente pola Selección Española para participar nunha sesión de adestramento xunto aos mellores deportistas do país.
A entidade tamén puxo en valor o traballo realizado por Pedro Buide e Davis Enríquez, que competiron en Cidade Real na que foi a súa primeira participación na categoría júnior, ofrecendo unha boa actuación fronte aos seus respectivos rivais.