A Escola Deportiva Shihan pecha o ano de competición cun novo éxito na Liga Galega

A Escola Deportiva Shihan despediu este sábado a competición deste ano cun balance moi positivo, marcado por numerosos éxitos a nivel internacional, nacional e autonómico. O peche da tempada produciuse coa celebración da segunda Liga Galega, disputada en Ferrol, onde o club volveu demostrar o seu alto nivel competitivo.
Na cita autonómica, a entidade coroouse novamente á cabeza do medalleiro ao sumar un total de 46 metais, unha cifra coa que superou os seus propios rexistros. Do total de medallas conseguidas, 21 foron de ouro, 8 de prata e 17 de bronce, consolidando así o dominio da Escola Deportiva Shihan na competición galega.
Durante a xornada, todos os deportistas estiveron acompañados e asistidos por un equipo formado por 8 adestradores, que ofreceron apoio técnico tanto na sesión de mañá como na de tarde. Ademais, a presenza do club tamén se fixo notar no ámbito arbitral, xa que tres árbitros da Escola Deportiva Shihan participaron dirixindo combates ao longo de toda a competición.
Este resultado pon o broche final a un ano especialmente destacado para o club, que pecha a tempada reafirmando o seu protagonismo no panorama deportivo galego.