A escola do Profesorado acolle unha mostra sobre os cen anos da Escola Nova
O grupo de investigación Pedagoxía Social Educación Ambiental (SEPA-Interea) da USC mantén aberta ata o 19 de decembro na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo a exposición A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021), estruturada en 14 paneis de gran formato.
O obxectivo desta mostra, coordinada que pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación Lucía Iglesias da Cunha, finada esta semana, e da que actuou como comisario o catedrático de Historia da Educación Antón Costa, pretende salientar o valor patrimonial e histórico, de memoria e de coñecemento, unha vez superados os seus primeiros cen anos de andadura, do movemento pedagóxico internacional da Nova Educación, desenvolvido por profesionais da educación, a medicina, a hixiene e a psicoloxía principalmente durante as catro primeiras décadas do século XX, en particular mediante as iniciativas da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN).
A colección, que permanecerá instalada durante varias semanas no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, a fin de garantir o acceso libre e gratuíto por parte de todo o público interesado, posibilita entender como as orientacións, propostas e iniciativas deste movemento marcaron o posterior desenvolvemento da educación a escala internacional ata a actualidade.
Os paneis expostos dan conta, a través de ilustracións e narrativas, de como múltiples expresións do día a día dos centros escolares nos nosos contextos atopan valiosas fundamentacións e antecedentes nas formulacións e nas prácticas educativas renovadoras ensaiadas e examinadas con intensidade en diversos contextos europeos e americanos, especialmente durante o período de entreguerras. Nelas figuran nomes tan significados como os de Ferrière, Decroly, María Montessori, Rosa Sensat, Freinet, Dewey, Claparède, Bovet, Piaget… ou os de Luzuriaga, Barnés, Galí e o de María Barbeito. A exposición favorece un achegamento sensible a algúns dos textos, experiencias e imaxes relacionadas coa Nova Educación e sinala ecos e experiencias promovidas por educadores galegos en sintonía co movemento.