A escola infantil Gregorio Sanz de Lugo supera os 30 graos nas aulas

LugoXa
CCOO denuncia altas temperaturas na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz ante "a pasividade da concellería de Educación" de Lugo.
EI Gregorio Sanz Lugo
15 Xul 2022

A escola infantil municipal Gregorio Sanz de Lugo está a sufrir a presente onda de calor dunha forma moi acusada. ASí o denunciou este mediodía Comisións Obreiras (CCOO) quen asegura que o edificio acumula a calor das altas temperaturas destes días e os termómetros das aulas rozan os 30 graos nalgunha zona da escola mesmo 32.

Para paliar esta situación, segudno explica o sindicato, o persoal ten que tomar as medidas básicas de autoprotección é desposuír aos menores das súas roupas, especialmente aos bebés, e todos eles dificilmente poden descansar, comer ou xogar, con un mínimo de normalidade.

As traballadoras da escola puxeron en coñecemento da Directora e da Concellería de Educación esta situación á que se enfrontan "sen obter máis solución que a de tentar, no mes de agosto, a instalación dalgún sistema de ventilación e ao mesmo tempo que xere calor no inverno xa que a calefacción tampouco funciona correctamente nesta estación e provoca temperaturas moi baixas nalgunha aula".

CCOO lembra que o Real Decreto 486/1997 establece que "a temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27 ºC., mentres que a temperatura dos locais onde se realicen traballos lixeiros será de entre 14 e 25 ºC.", neste caso, segundo denuncia CCOO, estase a incumprir "sen que os responsables políticos mostren o máis mínimo interese ou preocupación".

Este sindicato esixe que se deixe de poñer en risco a saúde dos nenos escolarizados, así como das traballadoras do centro. "Xa no ano 2017 un grupo de titores de usuarios puxeron unha queixa ante a Xunta de Galicia e corroborouse, pola súa banda, o exceso de temperatura dando instrucións ao Concello para enmendar esta situación", lembran dende o colectivo sindical.

"A solución dada foi ventilar o edificio. Sen máis. Unha vez máis, se segue sen solucionar un problema nin a curto nin a longo prazo. A única resposta é desabrigar e ventilar. O persoal do centro segue esperando algunha medida para resolver este problema de control de temperaturas do edificio, xa que é unha parte moi importante no benestar de menores e un dereito da protección da saúde do persoal municipal que debe exercer o seu labor cunha temperatura moi elevada", conta CCOO.

Dende o sindicato intentaron pórse en contacto co BNG, partido responsable desta área de Goberno, "co fin de atopar unha solución urxente a este problema, sen que ata o momento se dignaran a devolver as chamadas".

CCOO denuncia a actitude do equipo de Goberno "que, por unha banda, di defender os dereitos da cidadanía, e pola outra ten abandonados a neniños, e ás propias traballadoras".

SOLUCIÓN INMEDIATA

Neste mesmo senso, falaba esta mañá o Partido Popular quen esixiu unha solución inmediata para “garantir o confort térmico na escola infantil Gregorio Sanz na que, ao longo desta semana, estiveron a máis de 30 graos”. Dende o Grupo Popular explican que o máis grave desta situación é que o Goberno Local  tiña coñecemento de que había problemas de climatización nestas dependencias municipais dende o ano 2017.

Para o PP, "aínda sendo conscientes de que vivimos unha vaga de calor", consideran que non é de recibo que “cos antecedentes que hai nesta escola o Goberno local non tomase medidas, nos últimos cinco anos, para solucionar esta problemática”. “Non se pode ter a meniños e traballadores con estas temperaturas xa que poderían correr risco de  deshidratación ou golpes de calor”, puntualizan.

0.17805194854736