A Escola Lucense de Tiro con Arco acada un subcampionato no Galego ao Aire Libre en Narón

O tiro con arco lucense vén de conseguir un novo éxito no Campionato Galego de Tiro con Arco ao Aire Libre, celebrado os días 31 de maio e 1 de xuño en Narón, onde a Escola Lucense de Tiro con Arco estivo representada por varios dos seus deportistas.
O destacado da competición foi José Ángel Otero Martínez, que logrou o subcampionato na categoría LongBow Veterano Masculino. Tras rematar en terceira posición nas quendas clasificatorias, Otero protagonizou unha excelente remontada nas semifinais, o que lle permitiu acceder á gran final, onde asinou un reñido e digno segundo posto.
Tamén participaron no evento Andrés Casaleiro Piña, en Recurvo Sénior Masculino, e José Luis López Jiménez, en Recurvo Veterano Masculino, ambos rematando no noveno posto das súas respectivas categorías.
Desde a entidade destacan o mérito do rendemento deportivo destes arqueiros, xa que non dispoñen de instalacións ao aire libre axeitadas para adestrar, o que fai aínda máis salientables os resultados acadados nesta cita autonómica.