A Escola Lucense de Tiro con Arco logra un ouro e unha prata no Campionato Galego celebrado en Corme

A localidade coruñesa de Corme acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Tiro con Arco, unha cita na que a Escola Lucense de Tiro con Arco conseguiu un balance final dun ouro e unha prata tras unha competición marcada pola igualdade e a intensidade. Os representantes lucenses regresaron cun sabor moi positivo despois dunha xornada esixente na que demostraron un alto nivel competitivo.
Na categoría Tradicional 50+, Fon Villamiel proclamouse campión galego da especialidade tras impoñerse con claridade por 6-2, mentres que José Barreiro López pechou a súa participación cunha novena posición logo de sumar 438 puntos. En LongBow 50+, José Ángel Otero Martínez asinou unha das finais máis emocionantes do campionato, proclamándose subcampión galego tras empatar 5-5 e decidirse o ouro na frecha de desempate.
En Recurvo Alevín, Áxel Fernández Arias finalizou na quinta posición cun total de 466 puntos. Pola súa banda, na categoría de Recurvo Senior Muller, Ana Isabel Villar Fernández foi quinta tras caer en cuartos de final por un axustado 4-6, mentres que María Castelo Arias rematou décima con 399 puntos e Celia Sánchez Mateos concluíu undécima con 353 puntos.
No apartado de Recurvo Senior Home, Andrés Casaleiro Piña acadou tamén a quinta posición despois de perder nos cuartos de final por 2-6, e Juan Carlos Fernández Villar finalizou na decimosétima praza.
A actuación global dos arqueiros lucenses foi valorada de maneira moi positiva, destacando a entrega e o esforzo amosados ao longo de toda a competición, nun campionato que volveu confirmar o bo nivel da Escola Lucense de Tiro con Arco.