A Escola Luguesa de Xadrez abre o prazo de inscrición para a súa escola deportiva 2025/2026

A Escola Luguesa de Xadrez, en colaboración coa Asociación Cultural Xaquedrum, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, e a Xunta de Galicia, anunciou a apertura do prazo de inscrición para a Escola Deportiva de Xadrez da tempada 2025/2026. As clases comezarán o 6 de outubro e desenvolveranse de luns a sábado no parque de Frigsa.
Poderán participar nenos e nenas a partir dos catro anos, que se incorporarán ao grupo de prexadrez e a programación inclúe diferentes niveis: iniciación, perfeccionamento e alta competición, así como clases individuais. Tamén se ofertarán grupos específicos de iniciación e perfeccionamento para adultos.
A metodoloxía da escola baséase nun seguimento individualizado, cun material propio para cada alumno ou alumna que levarán á casa e deberán traer de volta á seguinte sesión. Desta forma, cada participante pode progresar ao seu ritmo e aproveitar as vantaxes que ofrece este deporte.
As inscricións poden formalizarse en liña ou mediante formulario en papel, así como a través do teléfono 657 974 937 ou do correo electrónico escolaluguesaxadrez@gmail.com. A cota mensual será de 20 euros para unha clase semanal e de 30 euros para quen asista a dúas sesións.
Desde a Escola Luguesa de Xadrez subliñan que o xadrez contribúe a mellorar o desenvolvemento cognitivo e persoal, xa que incrementa o cociente intelectual, prevén enfermidades neurodexenerativas, exercita ambos hemisferios cerebrais, potencia a memoria e a creatividade, mellora a capacidade lectora e de concentración e, na idade adulta, convértese nun verdadeiro ximnasio mental.