A Escola Luguesa de Xadrez impulsa o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

LugoXa
A competición celebrarase do 13 ao 19 de xullo no Auditorio Fuxan os Ventos e combina deporte, cultura e proxección internacional para a cidade
Torneo-de-Xadrez-Fuxan-os-Ventos-Lugo
12 Mar 2026

A Escola Luguesa de Xadrez organiza o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, que se celebrará do 13 ao 19 de xullo no Auditorio Fuxan os Ventos. A cita conta tamén co apoio da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, así como coa colaboración de diversas entidades e empresas.

O torneo enmárcase na celebración do 30º aniversario da Escola Luguesa de Xadrez e repartirá un total de 6.750 euros en premios, tanto na clasificación xeral como en distintos tramos de ELO. Ademais, a competición será válida para a obtención de normas de Mestre Internacional (MI) e Gran Mestre Internacional (GMI), así como para o ranking internacional.

A cota de inscrición será de 45 euros, con tarifa reducida de 40 euros para veteranos e xogadores xuvenís, mentres que os Mestres Internacionais e Grandes Mestres estarán exentos do pago. Paralelamente, desenvolveranse actividades gratuítas abertas á cidadanía dentro da iniciativa Xuño Ajedrecístico, en lugares como a Praza de Santa María, A Mosqueira, o Claustro do Museo Provincial de Lugo e o Vello Cárcere, convertendo o xadrez nun protagonista máis da vida cultural lucense.

As oito primeiras partidas do torneo retransmitiranse en directo e os resultados do resto dos encontros poderán consultarse en tempo real. Ademais, os participantes terán a oportunidade de realizar unha visita guiada pola cidade, reforzando o carácter cultural e turístico desta cita internacional.

Durante a presentación, Maite Ferreiro destacou que este torneo “supón unha oportunidade para situar Lugo no mapa do xadrez a nivel europeo e internacional, ao tempo que reforza a aposta por impulsar eventos que atraen persoas doutros lugares e contribúen a dinamizar a cidade”. A concelleira engadiu que “esta iniciativa combina perfectamente deporte, cultura e promoción turística, convertendo o xadrez nunha ferramenta para abrir a cidade ao exterior”. Neste sentido, explicou que as actividades programadas en espazos emblemáticos permitirán achegar o xadrez á cidadanía e integrar o torneo na vida cultural da cidade.

0.12646102905273