A Escola Polictécnica da USC organiza un campus tecnolóxico para rapaces de 6 a 16 anos

LugoXa
A través de obradoiros prácticos e divertidos, descubrirán como a tecnoloxía pode ser unha aliada para protexer o planeta
eps-politecnica-usc
1 Jun 2025

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, en colaboración con Play Code Academy, volve apostar pola educación tecnolóxica para nenos e mozos coa organización do Campus Tecnolóxico de Verán 2025. Nesta ocasión, o campus leva por título Misión: Salvar a Terra, unha experiencia educativa centrada na sustentabilidade e a innovación.

Divididos en 2 quendas, do 23 ao 27 de xuño e do 30 de xuño ao 4 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00, os participantes —de entre 6 e 16 anos— converteranse en novos heroes ambientais. A través de obradoiros prácticos e divertidos, descubrirán como a tecnoloxía pode ser unha aliada para protexer o planeta. Aprenderán a programar drons para reforestar, construirán robots recicladores e deseñarán estacións meteorolóxicas intelixentes, todo mentres desenvolven competencias clave en programación, robótica e ciencia. Os asistentes traballarán con ferramentas innovadoras como robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou deseño e impresión 3D.

Con un enfoque totalmente práctico e adaptado ás diferentes idades e niveis, o campus fomenta a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso co medio ambiente. A actividade desenvolverase nas instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en LUGO.

Os prezos son de 109 euros para o persoal da Universidade e 129 euros para o resto de participantes, existindo un desconto para irmáns.

As familias interesadas xa poden consultar toda a información e inscribirse a través da web oficial do campus.

⚙ Configurar cookies
0.18251013755798