A Escola Politécnica de Lugo acolle a Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos

LugoXa
O congreso, con apoio da Deputación, abordará a biodiversidade, os pastos forestais, a produción agropecuaria e a prevención de lumes
Sociedade-Española-de-Pastos-na-Escola-Politécnica-de-Lugo
13 Sep 2025

A Escola Politécnica Superior de Lugo foi o escenario da Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos, que se celebra por primeira vez na provincia co respaldo da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O encontro, que se desenvolveu ao longo de catro xornadas, contou coa presentación do programa a cargo do deputado de Rural, Daniel García, da concelleira de Participación do Concello de Lugo, Cristina López, e da directora da EPS, Rosa Romero, xunto con membros do comité científico do congreso e representantes da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O programa, titulado “Os pastos como elemento vertebrador dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, incluíu máis de sesenta comunicacións científicas sobre biodiversidade e servizos ecosistémicos, pastos forestais, sistemas agrosilvopastorais, prevención de incendios, produción vexetal, produción animal e historia e economía agraria. Ademais, ofrecéronse relatorios e espazos de debate, así como visitas a granxas da provincia con prácticas de pastoreo, entre elas Traloagro, Casa Bértolo, Gandería Palmeiro, Airas Moniz e Casa da Fonte.

O deputado Daniel García destacou o compromiso da Escola Politécnica en iniciativas que favorecen a transferencia de coñecemento e a importancia de achegar á universidade eventos científicos e divulgativos que reforzan o papel da institución nos sectores agrogandeiro e forestal. Subliñou tamén a necesidade de aplicar o coñecemento xerado pola investigación á prevención de incendios, lembrando as medidas propostas por expertos no Parlamento de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.10189700126648