A Escola Politécnica reparte 500 castiñeiros no marco do plan Life Lugo
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo distribúe desde hoxe medio milleiro de plantóns de castiñeiros en envases biodegradables aos membros da comunidade universitaria no marco do proxecto Life Lugo+Biodinámico. Esta iniciativa constitúe un novo pulo a prol dun futuro sustentable e da recuperación da cultura dos soutos, segundo indicou o investigador do grupo Sistemas Silvopastorais da USC, o profesor Juan Luis Fernández Lorenzo.
As persoas da comunidade universitaria interesadas en facerse con exemplares deste lote de plantas de castiñeiro poderán recollelas de xeito gratuíto hoxe e mañá, en quenda de 18.15 a 20.00 horas, ou o mércores en horario de 9.15 a 11.50 horas, no invernadoiro de docencia da EPS. Os exemplares que se entregan teñen entre 30 e 50 centímetros e están dispostos en envases de fibra de coco.
O profesor Juan Luis Fernández explicou que o material vexetal que agora doa a EPS de Enxeñaría pretende difundir unha das accións do Life Lugo+Biodinámico desenvolvida pola USC e que permitiu establecer un souto de castiñeiros de 3,6 hectáreas no polígono das Gándaras. “Trátase de variedades de castiñeiro galego con aptitudes froiteiras”, sinala este investigador, ao tempo que precisa que “son castiñeiros bravos, que máis adiante deberían ser enxertados e cuxa plantación sobre o terreo non debería demorarse máis de dúas semanas”.
O profesor da EPS agarda que esta nova acción contribúa a sensibilizar, ademais de difundir, o importante cometido desenvolvido nos últimos anos ao abeiro do Life Lugo+Biodinámico, un programa que rematará tan pronto como conclúan os traballos de construción do chamado edificio Impulso Verde.
SOUTO DAS GÁNDARAS
Ilusionado coa posibilidade de que as tres parcelas de terreo do barrio lugués das Gándaras habilitadas como soutos ao abeiro do Life Lugo+Biodionámico se convertan nun futuro inmediato nun espazo natural, de coñecemento e de lecer para a sociedade luguesa, Fernández Lorenzo salientou que estes soutos están formados por cinco variedades galegas de castiñeiro, todas elas certificadas: De Parede, Branca, Ventura, Garrida e Negral.
Máis de 200 dos castiñeiros plantados están en bo estado e moitos xa comezaron a dar froito, aínda que cómpre agardar un tempo máis para ter as primeiras colleitas de castaña, comentou Fernández Lorenzo. Este investigador sinalou que a distribución lineal das diferentes variedades de planta facilitarán a posterior clasificación das castañas, ao tempo que aventurou colleitas prolíficas, dado que “o 25% das plantas son da variedade Negral, a máis polinizadora”, concluíu.