A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría rende homenaxe á primeira enxeñeira de Montes de Galicia

LugoXa
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC rendeu homenaxe á primeira muller enxeñeira de Montes de Galicia,
Enxeñeira homenaxe
10 Feb 2023

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC rendeu este venres a súa particular homenaxe á primeira muller enxeñeira de Montes de Galicia, María Teresa Villarino Valdivielso, coa instalación dunha placa conmemorativa no aulario 1 do centro universitario lugués.

A directora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, presidiu este acto institucional organizado pola Comisión de Igualdade da EPSE co gallo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, unha efeméride que se lembra cada 11 de febreiro. A sesión, na que tamén participaron estudantes e docentes do centro universitario lugués, contou tamén coa asistencia de Ana Villarino Valdivielso, irmá da homenaxeada, así como das profesoras Dolores Fernández Rodríguez e Ana Isabel García Arias, presidenta e secretaria, respectivamente, da Comisión de Igualdade da EPSE.

A catedrática da USC María Isabel Fernández García, que actuou como madriña, fixo unha laudatio sobre esta pioneira da enxeñaría de Montes en Galicia España, xusto antes de proceder á apertura da mostra A muller e a nena na ciencia, unha exposición que fai un percorrido polas primeiras mulleres científicas galegas, con especial atención ás disciplinas relacionadas coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

A EPS de Enxeñaría aproveitou a celebración desta efeméride para lembrar algunhas das mulleres xa egresadas do centro universitario lugués, a través da apertura dunha mostra cunha escolma dos sus testemuños. Este tipo de accións pretenden, segundo subliñou a Rosa Romero, ofrecer referentes que contribúan a animar as nenas a cursar estudos de enxeñaría.

María Teresa Villarino Valdivielso (Lugo, 1943) é a primeira enxeñeira de Montes de Galicia e unha das catro primeiras tituladas de España. Estuda na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid, onde remata a súa formación en 1969. Doutora Enxeñeira de Montes en 1969, Villarino Valdivielso diplómase en ordenación do territorio, avaliación de impacto ambiental e xardinería e paisaxismo.

María Teresa Villarino Valdivielso exerceu a súa profesión na Universidade, ao tempo que creou a empresa de consultoría e enxeñaría ambiental Melissa S.A. Foi tamén docente en cursos de posgrao en institucións públicas e privadas nacionais e internacionais, ademais de autora de máis de 25 libros, capítulos de libros e artigos.

A primeira enxeñeira de Montes de Galicia foi tamén membro do Comité de Enxeñaría e Desenvolvemento Sostible de España. Na súa andaina profesional, esta muller colleitou numerosos e importantes distincións. Así, en 1978, recibiu o Premio Nacional de Urbanismo, un galardón ao que anos máis tarde se sumarían os premios ao exercicio de libre da profesión, outorgado polo Colexio de Enxeñeiros de Montes en 2008, e o Premio á Excelencia Académica, concedido por CEPADE no ano 2012.

0.21143817901611