A Escola Politécnica Superior de Lugo acollerá a reunión científica da Sociedade Española de Pastos

LugoXa
O encontro celebrarase do 23 ao 26 de setembro con máis de sesenta comunicacións e actividades arredor da biodiversidade, a produción e a prevención de incendios
Sociedade-Española-de-Pastos-na-Escola-Politécnica-de-Lugo
13 Sep 2025

A Escola Politécnica Superior de Lugo será a sede, do 23 ao 26 de setembro, da Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos, que se organiza por primeira vez na provincia co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Baixo o lema Os pastos como elemento vertebrador dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o congreso reunirá máis de sesenta comunicacións científicas distribuídas en seis eixos temáticos: biodiversidade e servizos ecosistémicos, pastos forestais, sistemas agrosilvopastorais e prevención de incendios, produción vexetal, produción animal e historia e economía agraria. Ademais, incluirá relatorios, mesas de debate e a presentación de programas impulsados pola área de Rural, como Da Escola á Granxa, destinado a infantil e primaria, ou a convocatoria de axudas directas ao pastoreo O que non arde.

O programa completarase con visitas a explotacións gandeiras da provincia que apostan polo pastoreo, entre elas Traloagro, Casa Bértolo, Gandería Palmeiro, Airas Moniz e Casa da Fonte.

A presentación do programa desenvolveuse coa participación do deputado de Rural, Daniel García, da concelleira de Participación do Concello de Lugo, Cristina López, da directora da EPS, Rosa Romero, e dos membros do comité científico María Bande e Andrés Osoro. Tamén asistiron representantes da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, como Isabelle Gómez e Eloi Villada.

Daniel García salientou a relevancia de atraer á universidade lucense eventos de carácter científico e investigador que reforzan o seu papel de referencia nos ámbitos agrogandeiro e forestal, ao tempo que puxo en valor a transferencia de coñecemento á sociedade. Lembrou tamén a importancia de incorporar a investigación á loita contra os incendios, citando o documento con máis de cen propostas de mellora da xestión presentado en 2018 na Comisión de lumes do Parlamento de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16319489479065