A Escola Semente de Lugo celebra unha festa de Entroido e abre as súas portas ás familias

LugoXa
O centro, que cumpre dez anos de traxectoria, organiza actividades lúdicas o venres 20 e unha xornada informativa o sábado 21
Escola-Semente-Lugo
19 Feb 2026

A Escola Semente de Lugo organizará o vindeiro venres 20, a partir das 17:30 horas, unha festa de entroido dirixida ás crianzas e ás súas familias. A celebración incluirá un espectáculo participativo de contacontos, sesións de pintacaras, diferentes propostas lúdicas e unha pequena merenda para as persoas asistentes. A actividade terá un custo de 5 euros por familia, que será de 4 euros no caso das familias socias da entidade, e as inscricións deberán formalizarse a través do correo electrónico lugo@semente.gal
.

A programación continuará o sábado 21 ás 11:30 horas cunha xornada de portas abertas destinada a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de preto o proxecto educativo do centro e valorar esta opción para a escolarización dos seus fillos e fillas. Durante a sesión ofrecerase información detallada sobre o modelo pedagóxico, as instalacións e o funcionamento da escola. Para participar será necesario inscribirse previamente no mesmo enderezo electrónico.

Situada na antiga escola unitaria da aldea de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda, a Semente de Lugo iniciou a súa actividade escolar en setembro de 2016, polo que este ano conmemora unha década de traxectoria. O seu modelo educativo aposta pola revitalización da lingua e da cultura galegas e pola innovación pedagóxica, fomentando o contacto coa natureza, a educación en igualdade e o respecto polos ritmos individuais de crecemento de cada crianza. Estas características convertérona nun centro singular e nun referente educativo tanto na cidade de Lugo como no conxunto da provincia.

Ademais da actividade lectiva ordinaria, a escola promove ao longo do ano diferentes iniciativas abertas á comunidade. Entre elas destacan os encontros mensuais das Sementinhas, un espazo de convivencia en galego para familias con crianzas de 0 a 2 anos. Coincidindo co seu décimo aniversario, o centro prevé desenvolver un programa especial de actividades que irá dando a coñecer progresivamente a través das súas redes sociais.

⚙ Configurar cookies
0.0833420753479