A escritora arxentina Nidia Beltramo presentará en Lugo a súa novela 'Unha familia exemplar'

LugoXa
O acto celebrarase na Casa de Asociacións María Mariño cun encontro literario, música en directo e cata de viño
Nidia-Beltramo
4 Nov 2025

A autora arxentina Nidia Beltramo, afincada na provincia de León, presentará en Lugo a súa segunda novela, titulada Unha familia exemplar, nun evento que terá lugar o sábado 8 de novembro ás 19:30 horas na Casa de Asociacións María Mariño. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación Rioplatense de Lugo e do Concello de Lugo, e a entrada será libre ata completar aforo.

Beltramo estará acompañada por Merry González e polo cantautor arxentino Carlos Attadía, que poñerá a nota musical nunha velada literaria que se anuncia dinámica e próxima ao público. O encontro culminará cunha cata de viño ofrecida ás persoas asistentes, co obxectivo de crear un ambiente distendido arredor da literatura e a cultura rioplatense.

Unha familia exemplar foi seleccionada entre as dez obras finalistas do 71º Premio de Novela Ateneo de Valladolid, un recoñecemento que sitúa a obra entre as máis destacadas da narrativa actual. A novela narra a historia dunha familia aristocrática arxentina, descendente dun prócer histórico e de liñaxes adineradas, que decide adoptar a filla da criada despois de que a nai biolóxica a abandone. A nena medra nun fogar de aparente privilexio e formación refinada, agradecida pola súa sorte, mais a narración vai revelando as contradicións e sombras que se agochan tras a fachada familiar.

A través de distintas voces e perspectivas, a autora mergulla ao lector nun relato ambientado na historia recente de Arxentina, onde afloran verdades incómodas e segredos familiares. A obra explora a complexidade dos vínculos afectivos, o contraste entre a imaxe pública e a realidade íntima e o papel do amor e o desamor como motores da vida persoal.

⚙ Configurar cookies
0.075006008148193