A escritora Ivet Núñez protagoniza un paseo literario sobre a súa novela 'Tras la niebla'

LugoXa
En 'Tras la niebla', "Lugo non aparece de costado, é unha personaxe máis e poño moi en valor o patrimonio da cidade", explica Núñez
Tras-la-niebla-Ivet-Núñez-e-Guido-Álvarez
18 Mar 2025

Ivet Núñez, escritora e xornalista de Barcelona que vive en Lugo, protagoniza esta tarde un paseo literario arredor dos  escenarios da súa novela negra Tras la niebla, que transcorre na cidade de Lugo.

A actividade estará guiada por Guido Álvarez e contará coa presenza da súa autora, quen acompañará aos participantes a través dos diferentes lugares que serven de escenario á trama da obra.

A cita será na Praza Pío XII ás 19.00 horas, e a ruta percorrerá o centro histórico de Lugo, onde a autora compartirá detalles sobre o proceso creativo da novela, proporcionando unha visión única sobre a súa escritura e a ambientación na cidade.

A autora sostén que "o meu soño era protagonizar unha ruta guiada co protagonismo das miñas obras escritas, como se fai cos libros de Dolores Redondo, polo que cando contactei con Guido e díxome que podía organizar unha actividade con moita xente por Lugo, para min foi unha ilusión moi grande".

En Tras la niebla, "Lugo non aparece de costado, é unha personaxe máis e poño moi en valor o patrimonio da cidade que moita xente descoñece. Por iso, para min é un orgullo poder dar un paseo por Lugo e situar as miñas personaxes en espazos como a Muralla, o mural de Xulio César ou sobre os mosaicos", explica Núñez.

Ademais, engade, "Guido Álvarez aportará un valor engadido á ruta, xa que tamén falaremos da historia de Lugo para nutrir as historias da obra. Pasear por escenarios da novela, mesturando turismo con literatura é unha actividade que espero que desfruten os lugueses", destaca.

⚙ Configurar cookies
0.15605902671814