A escultura 'Vieiros de Seu' trasládase ao xardín de San Roque debido ás obras do centro

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o escultor coruñés Pepe Galán visitaron este martes a nova localización da escultura Vieiros de Seu, unha peza en aceiro corten creada polo artista co motivo do Xacobeo 99 e que ata agora se situaba nos xardíns de Santo Domingo.
Como consecuencia das obras de peonalización e da nova configuración da praza, o Concello acordou co autor o traslado da obra, procurando un emprazamento no que adquirise maior visibilidade e relevancia.
Segundo explicou o rexedor municipal, o novo destino da escultura, no centro do xardín de San Roque, permite que esta "teña un especial protagonismo", destacando que a súa situación actual “demostra ese obxectivo de integrar a arte no espazo urbano de maneira máis visible e accesible para a cidadanía”.
Pola súa banda, o propio Pepe Galán asegurou que este novo emprazamento “realza a intervención escultórica”, unha obra que conmemora o Camiño de Santiago e que, segundo as palabras do autor, simboliza “o camiño interior e a experiencia do encontro con un mesmo e cos avatares que atopamos na ruta xacobea”.
A escultura, elaborada en aceiro corten, conta cunhas dimensións de 147 x 400 x 285 centímetros e forma parte da colección de obras públicas que o artista multidisciplinar ten repartidas por diversos concellos galegos.
A elección deste material, xunto coas súas formas, tonalidades e tamaño, facilita a integración natural da peza no entorno do xardín de San Roque, conferíndolle a este espazo un carácter máis singular e artístico.