A estrada entre Santalla e Piquín xa é municipal
LugoXa
O Consello da Xunta vén de autorizar a cesión deste vial, dun quilómetro de lonxitude, da Deputación ao Concello da Ribeira de Piquín
10 Feb 2021
A estrada da Deputación LU-P-5403, que une os núcleos de Santalla e Piquín, vén de ser cedida ao Concello da Ribeira de Piquín, dando así resposta á solicitude realizada polo goberno municipal co fin de axilizar a tramitación de actuacións neste vial, de pouco máis dun quilómetro de lonxitude.
O Consello da Xunta autorizou o cambio de titularidade da estrada, que se fará efectivo unha vez se publique o decreto autonómico no Diario Oficial de Galicia. A partires de aí, Concello e Deputación disporán de dous meses para certificar a entrega coa firma do convenio de cesión, que dará xa as competencias ao Concello da Ribeira de Piquín para realizar calquer tipo de actuación na estrada, pasando a asumir ademais a súa xestión e conservación.