A estrada que une Pedrafita con Seoane quedará cortada dende este mércores por obras

LugoXa
A estrada que une Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel polo Alto do Hospital quedará cortada dende este mércores por obras
aglomerado obras estradas 2
15 Nov 2021

A estrada provincial que une Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel polo Alto do Hospital, a LU-P-1301, quedará cortada ao tráfico dende este mércores debido á realización das obras de mellora que acomete a Deputación de Lugo cun investimento de 245.000€. A previsión é que este corte se prolongue ata final de mes.

A Deputación está mellorando o treito comprendido entre os quilómetros 10 e 12,6 cuns traballos que inclúen a ampliación da estrada dende os 4,7 ata os 6 metros, a pavimentación con aglomerado en quente e as actuacións de drenaxe e sinalización correspondentes.

O corte efectúase dende o quilómetro 0,6 ata o 12,6 co obxectivo de que os traballos se poidan desenvolver con seguridade tanto para os operarios como para a veciñanza que transita pola vía. Haberá desvíos habilitados para causar o menor prexuízo no tráfico.

A previsión é que estas obras rematen a final de mes, sempre que as condicións meteorolóxicas non impidan o correcto desenvolvemento das tarefas.

A Deputación de Lugo licitou por 370.000€ as obras de ensanche e mellora dun novo treito desta estrada provincial, o comprendido entre os puntos quilométricos 8,6 e 10. A previsión é que a principios do 2022 saque a contratación o terceiro e último, co cal, cumprindo co compromiso do Presidente da Deputación, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada.

José Tomé Roca adquiriu o compromiso no Pleno de arranxar os 6 quilómetros que quedaban pendentes desta estrada neste mandato, en tres anualidades. Cando finalicen as tres fases das obras desta estrada a Deputación levará investido preto dun millón de euros nesta vía provincial, o que beneficiará aos veciños e veciñas destes concellos e de toda comarca e contribuirá a avanzar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural.

0.19232892990112