A etapa Sarria-Portomarín converterase nunha proba deportiva o 6 de marzo co Xacorun
A etapa entre Sarria e Portomarín converterase nunha proba deportiva o vindeiro 6 de marzo. Trátase dunha experiencia que achega o Camiño de Santiago aos atletas lucenses, que poderán desfrutar dunha contorna idílica.
Cada participante poderá elixir en que carreira participar xa que se presentan tres modalidades. Carreira individual de 11 km ou de 22 km ou carreira de relevos que se levará a cabo por parellas facendo os primeiros 11 km un e os 11 restantes o outro membro da parella.
Tódolos corredores que o soliciten disporán dun autobús que sairá dende Portomarín ata Sarria. Ademais, os participantes que elixan a carreira por parellas e fagan a primeira parte terán tamén transporte de volta a Portomarín.
Esta proba é ideal para aqueles que lles gusta o trail. O percorrido mestura asfalto e trail polo que os deportistas deberán atravesar ríos, camiños, sendeiros, vilas, etc.
Xa está aberta a inscrición. O prezo para a carreira individual de 22 km terá un prezo de 16 euros para os primeiros 100 participantes, a partir do 101 o prezo será de 20 euros. A carreira individual de 11 km custará 10 euros aos 100 primeiros e 12 a partir do 101. O prezo da carreira por parellas de 22 km será de 26 euros aos primeiros 50 inscritos e de 30 do 51 en adiante.
Os dorsais poderán recollerse o sábado día 5 de marzo na praza do concello de Sarria dende as 17.30 horas ata ás 20.30 horas e, o domingo 6 de marzo dende as 7.00 ata as 9.00. Para recollelo haberá que amosar o DNI. Para recoller o dorsal doutro corredor haberá que levar unha fotocopia do seu DNI.
A carreira contará tamén cun servizo de transporte de mochilas e haberá duchas a disposición dos participantes en Portomarín.
Antes da saída dos deportistas, estes recibirán as instrucións da proba nun breafing que terá lugar ás 9.15 horas en Sarria para a carreira de 22 km e en Mirallos as 10.15 horas para a de 11 km.