A eurodiputada Ana Miranda defende a conservación do Rato fronte á construción da ronda Leste
A nacionalista visitou, xunto a candidatura do Bloque, o Parque do Rato, reserva da Biosfera. "Rubén Arroxo, como alcalde, conservará o entorno do río Rato fronte ao modelo do PP que pretende unha rolda Leste anacrónica", dixo.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou hoxe o Parque do Rato xunto parte da candidatura do Bloque de Lugo encabezada por Rubén Arroxo para defender a protección do Parque do Rato –conformado por 4 kilómetros de senda verde e bosque autóctono- fronte a destrución que pretende acometer o PP mediante a continuación da denominada rolda leste nunha zona que é reserva da Biosfera e de especial protección.
A eurodeputada do Bloque subliñou o traballo desenvolvido por Rubén Arroxo nestes catro anos por facer de Lugo unha cidade máis sustentable “cun traballo impecable que é referencia en Europa”. Neste sentido salientou que é preciso preservar a zona do río Rato “como pulmón verde de Lugo” fronte a modelos anacrónicos como o que defende o Partido Popular, propios do século XX e non do XXI.
“Esperamos que moi pronto veña Rubén Arroxo a Bruxelas, xa como alcalde, para demandar máis fondos europeos e máis proxectos que teñan que ver co desenvolvemento sustentable e da mellora da calidade de vida”, manifestou Ana Miranda, quen salientou que os proxectos a desenvolver teñen que ser respectuosos co medio ambiente, tal e como demanda Bruxelas. “O PP non pode pretender destruír unha carballeira mentres pretende construír unha ponte p, ara os coches”, sinalou.
Declaración de impacto ambiental caduca
Neste sentido, a eurodeputada galega avanzou que o BNG trasladará á Comisión Europea que a declaración de impacto ambiental que esgrime o PP, realizada no 2003, “está caduca, é totalmente insostible porque non se adapta á realidade actual, que é ter un espazo natural protexido, no que se investiu fondos e que xa quixeran moitas cidades galegas e europeas”.
“Lugo é unha cidade que avanzou moito grazas ao BNG e os proxectos de urbanismo sustentable e o que pretende facer o PP é todo o contrario”, subliña Ana Miranda, polo que defendeu que Rubén Arroxo ten que ser elixido alcalde o próximo 28 de maio. O candidato nacionalista lembrou que o BNG leva moito tempo loitando contra a rolda leste, que vai destruír “este fantástico pulmón verde que temos na cidade”.
O candidato nacionalista debullou as eivas do proxecto que queren realizar os populares: “non lle vemos utilidade a destruír o parque do Rato para aforrar tres minutos”, apuntou. Ademais, sinalou que no proxecto de 2003 se falaba de que Lugo tería no 2020 300.000 habitantes, cando a realidade é que no 2023 ten 98.000 habitantes, “polo tanto moi lonxe da necesidade real e que o Partido Popular ten que deixar de encabezonarse en facer este proxecto”.
“Pensamos que isto está relacionado en que a candidata do PP leva catro meses vivindo en Lugo e posiblemente non tivo tempo de pasarse polo Parque do Rato e non coñeza todo o que temos aquí”, ironizou Arroxo.