A ExpoLugo A Rural manterase no centro da cidade tras unha nova xuntanza co sector gandeiro

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu a segunda reunión do comité técnico da feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, un grupo de traballo impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de recoller as achegas das principais asociacións e profesionais do sector para a organización da próxima edición do evento.
Durante a xuntanza, coordinada pola área provincial, confirmouse que a feira manterá a súa localización no centro da cidade, unha decisión que responde ao éxito da pasada edición, na que se buscou achegar a actividade ao público que participa nas celebracións do San Froilán.
No encontro participaron representantes de Asoporcel, Ovica, Puraga, Boaga e do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, ademais de Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos, nunha sesión de traballo que reafirma o carácter participativo e colaborativo da organización da feira.
O comité técnico de ExpoLugo A Rural creouse en outubro de 2021 por iniciativa da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, co propósito de garantir a representación de todos os axentes implicados no evento e establecer de maneira conxunta os obxectivos e recursos necesarios para o seu desenvolvemento.