A exposición 'Gardiáns' de Jorge Arévalo mostra un retrato da relación entre o rural e os seus animais

A sede da Deputación de Lugo acolle ata o 30 de novembro a exposición fotográfica “Gardiáns” de Jorge Arévalo, unha mostra promovida pola Federación Galega de Razas Autóctonas e financiada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación.
O proxecto naceu como un percorrido polas ganderías galegas con presenza de razas autóctonas, mais o autor decidiu ir máis alá para ofrecer unha mirada máis profunda sobre o vínculo que une as persoas e os animais na cultura labrega.
A exposición reúne un total de 71 fotografías e 3 vídeos que exploran distintos aspectos da vida no rural, desde o traballo diario nas explotacións ata a pegada que os animais deixan na cultura galega, os ciclos vitais das ganderías ou o impacto dos incendios na súa actividade.
As imaxes de Arévalo compleméntanse con versos das poetas Olga Novo —escritos expresamente para esta mostra— e María Sánchez, que achegan unha dimensión literaria e emocional a este retrato visual do mundo gandeiro galego. “Gardiáns” preséntase así como unha homenaxe á tradición, á terra e ás persoas que seguen a coidar e preservar o patrimonio rural de Galicia.