A exposición itinerante sobre a segunda transformación de Lugo e a Axenda Urbana estará na praza da Rolda do Carme
A exposición itinerante sobre a segunda transformación de Lugo a os desafíos que se inclúen na Axenda Urbana 2030 Lugo Cidade Viva está instalada estes días na praza de Rolda de Carme, e pódese visitar ata despois de Reis.
A mostra aborda os desafíos de Lugo co obxectivo de que a cidadanía coñeza e sexa partícipe das actuacións que se están a desenvolver e do Plan de Acción da Axenda Urbana, que constitúe a folla de ruta para acadar unha cidade máis integradora e resiliente fronte ao cambio climático de cara ao 2030. Inclúe corenta paneis explicativos sobre a transformación da cidade verde e sostible na que o Goberno local leva traballando desde o mandato pasado a través de diversas accións que abarcan áreas como urbanismo, vivenda, mobilidade, ou cambio climático, entre outros.
“O obxectivo da mostra, que viaxará por diferentes prazas e barrios da cidade é achegar á cidadanía os compromisos que estamos a impulsar en Lugo aliñados coa estratexia do Plan da Axenda Urbana”, sostén a rexedora, que explica que “a exposición inclúe actuacións xa finalizadas, as que están en obras e as que planificamos. Non están todas as que fixemos, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da vía XIX, Tanxurela, a senda Verde Ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (co Museo da Romanización, Caldas do Miño e a Fábrica da Luz como proxectos claves)”.