A exposición 'Operación Balmis' pode visitarse no HULA
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou onte na inauguración dunha exposición do Ministerio de Defensa sobre a Operación Balmis, que se poderá visitar esta semana no vestíbulo do Hospital Universitario Lucus Augusti. O acto foi presidido polo tenente coronel da Subdelegación de Defensa José Antonio Bueno, e contou coa asistencia de autoridades como a alcaldesa, Lara Méndez ou o deputado provincial Pablo Rivera.
Isabel Rodríguez lembrou o importante apoio dado polas Forzas Armadas e a súa contribución á protección dos lucenses nos peores momentos da pandemia. Explicou que dous anos despois da declaración do estado de alarma é de xustiza recoñecer o labor realizado polas Forzas Armadas e o reforzo que supuxeron para as forzas de seguridade e do persoal sanitario durante uns meses que foron críticos na crise sanitaria do coronavirus.
A exposición itinerante da Operación Balmis que chega a Lugo está dedicada á misión das Forzas Armadas durante a crise sanitaria. Está composta por 41 fotografías e un vídeo, así como por material empregado pola UME durante a misión que foi bautizada co nome do médico militar que levou a vacina da viruela desde España ata América e Filipinas.
Na Operación Balmis, que se puxo en marcha o día 15 de marzo de 2020 e prolongouse durante 98 días, ata o 21 de xuño, participaron máis de 2.500 efectivos pertencentes aos tres Exércitos, a Unidade Militar de Emerxencia e a Garda Real que foron despregados en todo o territorio español. Foi o maior despregamento feito en España en tempos de paz e nel fixéronse máis de 20.000 intervencións que incluíron desde a creación de hospitais de campaña ata desinfeccións e recollida e distribución de alimentos.