A exposición sobre a serie 'Os homes' de Castelao inaugíurase no Museo de Lugo

O Museo Provincial de Lugo inaugurou a exposición 'Os homes, por Castelao na colección Roberto Taboada', centrada na célebre serie de debuxos que o rianxeiro publicou no xornal Galicia en 1925 e que foron compilados cinco anos despois no volume “Cincoenta homes por dez reás”.
A mostra reúne 68 pranchas de zinc utilizadas na impresión dos debuxos, xunto cos exemplares orixinais do xornal vigués. As pezas proceden da colección do pontevedrés Roberto Taboada, que posúe un dos conxuntos máis relevantes de primeiras edicións, manuscritos, debuxos, correspondencia e outros materiais vencellados á figura de Castelao.
Coordinada por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Aurelia Balseiro García, a exposición conta coa colaboración do Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, e do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez.
Aberta ata o 20 de novembro, esta mostra intégrase na programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)”, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Museo Provincial de Lugo, coa finalidade de difundir o legado artístico e político do autor no marco desta efeméride.
No primeiro semestre do ano xa se presentaran tres proxectos expositivos vinculados a esta celebración: a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, a exposición fotográfica “Castelao. O retorno a Galicia, 1984”, con imaxes de Xan Carballa, e “Sempre en Galiza. 1944-2024”, centrada na obra cumio do pensamento político do rianxeiro, que continúa en itinerancia pola provincia ata finais de ano.
Ademais, o Museo Provincial de Lugo dispón dunha sala monográfica dedicada a Castelao, onde se exhiben de maneira permanente unha trintena de debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela dos anos vinte, así como dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxe con castiñeiro”, localizados na sala de Vangardas Históricas e Arte da posguerra.