A Facultade de Ciencias lanza o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’

LugoXa
A Facultade de Ciencias lanza o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ para achegar a investigación en galego á mocidade
pestiscos de ciencia concurso videos usc portada
1 Xuño 2023

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca, co apoio do SNL da USC, o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ co obxectivo de achegar a actividade científica á mocidade, ademais de para favorecer a divulgación en lingua galega dos contidos do labor que desenvolve a comunidade investigadora. O certame, que nesta edición está aberto á participación do alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, repartirá 300 euros en premios entre as dúas propostas máis valoradas polo xurado. O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de xeito individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, remata o 15 de outubro de 2023.

As propostas presentadas a concurso deben remitirse ao enderezo de correo electrónico fcdeca@usc.gal e teñen que estar aloxadas nunha canle de YouTube baixo licenzas Creative Commons, segundo rezan as bases do certame, nas que se tamén se explica que o xurado encargado de avaliar as propostas creativas terán en conta a súa calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo, así como a veracidade dos contidos científicos.

Os vídeos serán en lingua galega, tanto nas expresións orais como nos elementos escritos, e a súa duración non pode ser inferior a 30 segundos nin superior a 90 segundos. O xurado anunciará as candidaturas gañadoras nas páxinas web da Facultade de Ciencias e do Servizo de Normalización Lingüística da USC. A entrega dos premios desenvolverase no citado centro universitario do Campus de Lugo.

pestiscos de ciencia concurso videos usc
0.18738293647766