A Facultade de Ciencias premiará traballos estudantís con bonos para mercar no comercio local de Lugo

LugoXa
Lugo Monumental emite 600 euros en vales para recoñecer os mellores vídeos do certame “Petiscos de Ciencia”
facultade-ciencias-lugo
19 Feb 2026

A Facultade de Ciencias do Campus Universitario de Lugo recoñecerá o talento do alumnado participante no concurso “Petiscos de Ciencia” con premios en forma de bonos para consumir no comercio de proximidade.

A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Lugo Monumental, que emitiu 600 euros en vales de compra para seren utilizados en calquera dos 165 establecementos adheridos á entidade.

O certame “Petiscos de Ciencia” alcanza este ano a súa quinta edición e está dirixido a alumnado de ESO, formación profesional e bacharelato de institutos de Galicia e tamén de zonas galegofalantes situadas fóra da comunidade autónoma. As pezas poden presentarse de maneira individual ou en grupos de ata tres integrantes e consisten na creación de vídeos en galego, cunha duración de entre 30 e 90 segundos, nos que se divulgue calquera aspecto relacionado coa ciencia.

A programación completarase mañá venres cunha mesa redonda ás 11.00 horas no Salón de Actos da Facultade baixo o título “A carreira investigadora”, organizada con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. No encontro participarán Marta Prado Rodríguez, Patricia Cazón Díaz, Noelia Vigo Díaz e Nerea González Rodríguez.

A continuación, ás 12.00 horas, e en relación coa celebración do Día da Lingua Materna, desenvolverase un monólogo a cargo de Patricia González Cabaleiro, gañadora do concurso Gargallada Científica 2025, así como a intervención narrativa “As cousas non sempre son o que parecen” de Carlos Rebolo. O acto concluirá coa entrega dos premios de “Petiscos de Ciencia” 2025.

Os galardóns distribuiranse en cinco premios de 250, 150, 100, 50 e 50 euros, que se entregarán en vales de 25 euros co obxectivo de facilitar o seu uso. A Facultade decidiu que estas achegas se destinen exclusivamente á adquisición de produtos ou servizos no comercio local lucense, reforzando así o apoio ao tecido empresarial da cidade a través de Lugo Monumental.

Desde a asociación empresarial salientan e agradecen esta aposta polo comercio de proximidade, que supón non só unha inxección económica directa, senón tamén unha mensaxe clara en favor da sustentabilidade do tecido produtivo local e da relevancia dos establecementos tradicionais. Ademais, subliñan que o feito de que as persoas premiadas sexan estudantes contribúe a fomentar hábitos de consumo responsable entre a mocidade, un sector clave para o futuro do comercio urbano.

A entidade tamén quixo expresar o seu recoñecemento á decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo Álvarez, á secretaria Patricia Regal López e ao conxunto do profesorado do centro pola súa implicación e polo compromiso demostrado co comercio local.

Para Lugo Monumental, participar nestas actividades supón unha satisfacción e un motivo de orgullo, ao tempo que agradecen á Facultade a súa implicación na promoción do consumo local e na dinamización da vida económica e social da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.083321094512939