A Facultade de Formación do Profesorado trasladarase ao campus para crear outro instituto en Lugo

LugoXa
O reitor da USC e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asinaron este luns o protocolo do actuacións que contempla o traslado.
lugo facultade formacion profesorado
5 Abr 2021

O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este luns un protocolo de actuacións para reorganizar as infraestruturas educativas na cidade de Lugo. O acordo contempla o traslado ao campus lucense da actual Facultade de Formación do Profesorado, cuxas instalacións acollerán un novo instituto público de ensino Secundario e Bacharelato a partir do curso 2023-24.

O reitor da USC sinalou que a sinatura deste protocolo supón "un paso adiante para mellorar a calidade da docencia e dos servizos do Campus de Lugo, a través de novas dotacións que permitan dar resposta ás necesidades de espazos advertidas desde a Facultade de Formación do Profesorado, e que tamén redundará en beneficio do resto da comunidade educativa non universitaria e da cidadanía luguesa, coa posta en marcha dun novo centro educativo".

Antonio López engadiu que o traslado de Formación do Profesorado da súa actual sede na Avenida de Ramón Ferreiro ao campus de Augas Férreas implicará optimizar o aproveitamento dos espazos existentes no edificio do Complexo Docente, que acolle as escolas adscritas de Enfermaría e Relacións Laborais, ademais da Facultade de Humanidades, ao tempo que implicará a construción en terreos próximos, propiedade da Deputación, dos módulos necesarios para atender necesidades docentes e do alumnado, ademais de dotar de servizos dalgunhas especialidades como Educación Física.

“Levar Formación do Profesorado para o Campus non restará identidade a ningunha ao resto de facultades e escolas”, precisou o reitor da USC, quen tamén salientou a "inxección" de vida que suporá trasladar arredor de 1.000 alumnos e alumnas á sede universitaria.

O desenvolvemento das distintas accións contempladas no protocolo de xestión de infraestruturas educativas asinado hoxe entre Xunta e USC é "complexo e require de moitos procedementos administrativos”, segundo recoñeceu o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que financiará o 49% dos custes do traslado de Facultade de Formación do Profesorado, ata un máximo de catro millóns de euros.

NOVA ÁREA EDUCATIVA

Co traslado da Facultade de Formación do Profesorado, a nova área educativa no centro de Lugo pasará a estar conformada por un colexio, o CEIP Anexa; un Centro Integrado de Formación Profesional, o CIFP Politécnico; e tres institutos, os IES Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes e o proxectado no espazo que ocupa a día de hoxe a Facultade de Formación do Profesorado.

No corazón desta área haberá un gran espazo dedicado a instalacións deportivas para uso deses centros educativos.

sinatura formacion profesorado xunta reitor usc
0.22545194625854