A Facultade de Humanidades de Lugo mantén activo un contador de violencia machista

LugoXa
La Facultad de Humanidades del Campus de Lugo mantiene activo un contador de violencia machista con el fin de visibilizar.
contador Violencia humanidades
19 Feb 2022

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC convida a reflexionar sobre a múltiple tipoloxía de abusos e vulneración de dereitos que sofren as mulleres en España a través da activación dun contador de violencia machista. Esta iniciativa, desenvolvida desde comezos de ano polo alumnado da materia Ética e Política de Dereitos Humanos, pretende dar visibilidade, ademais de sensibilizar sobre a grave problemática, en moitas ocasións silenciada ou descoñecida, que afecta á poboación feminina.

Desde que se puxo en marcha este contador de violencia a comezos de xaneiro, xa están rexistrados un bo número de casos nos que se percibe a vulneración de dereitos das mulleres, relata a profesora Beatriz Fernández Herrero. Esta docente, que considera moi importante facer visible esta lacra social a fin de avanzar na prevención deste tipo de situacións, destaca que os episodios de maltrato físico e incluso mesmo os asasinatos, son os casos que captan máis atención na sociedade.

Fernández Herrero engade asemade que o labor de observación e busca que realiza o alumnado implicado na actualización deste contador de violencia machista permite sacar á luz moitas situacións silenciadas, pero que no fondo encobren diversas formas de violencia. “Moitas destas condutas menos visibles, algunhas merecedoras de incluír na chamada violencia estrutural, responden á consideración de microchamismos, aínda que é posible que non sexa a definición máis acertada”, comenta Fernández Herrero.

Alén do número de casos xa computados no contador de violencia machista activado este ano, a coordinadora desta actividade práctica puxo o foco nas novas formas de acoso ou vulneración de dereitos de mulleres xa advertidos. Así, esta docente sinalou as prácticas de ciberacoso ou insultos a mulleres que arbitran competicións deportivas como dúas das situacións máis singulares detectadas este curso no panorama nacional.

“Seguro que non somos capaces de contabilizar todos os casos que se producen, a pesar de que o alumnado fai un seguimento dos medios de comunicación e tamén desenvolve buscas específicas en Internet. Aínda así, a pesar deste esforzo, non todas as administracións ofrecen as mesmas facilitadas para achegar estes datos nin aportan o mesmo grao de información”, dixo Fernández Herrero, que sinalou a do País Vasco como unha das administracións do territorio español máis transparente á hora de facilitar este tipo de información estatística.

0.13041281700134