A Facultade de Profesorado de Lugo inaugura unha mostra sobre o traballo das mulleres educadoras

LugoXa
A mostra ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, elaborada por alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar, recupera para a actualidade no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, a pegada vital e o labor pedagóxico desenvolvido ao longo da historia por preto de medio cento de mestras e profesoras de distintos lugares do mundo.
mostra_educacion_en_feminino
25 Feb 2024

A mostra ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, elaborada por alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar, recupera para a actualidade no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, a pegada vital e o labor pedagóxico desenvolvido ao longo da historia por preto de medio cento de mestras e profesoras de distintos lugares do mundo.

A decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso, e o profesor Francisco Xosé Candia Durán, na súa condición de coordinador desta obra colectiva, inauguraron a sétima edición dunha exposición que, estruturada en 36 paneis en galego, dá cabida a medio cento de educadoras referentes de diferentes épocas, xeografías e orientacións pedagóxicas ao longo da historia.

Coa mostra preténdese facer visible e poñer en valor o labor que todas as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, pero que malia todos os atrancos contribuíu a consolidar os alicerces da acción educacional, sinalou Candia Durán, ao tempo que aproveito a presenza do estudantado de primeiro curso dos graos de Mestre e Mestra en Educación Infantil e Primaria para salientar o seu bo traballo.

Aberta ata o 6 de marzo

A exposición ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, que permanecerá accesible ao público no centro universitario lugués ata o vindeiro 6 de marzo e que, de ser o caso, podería trasladarse de balde a calquera entidade ou institución que a solicite, percorre a traxectoria vital e profesional destas e doutras educadoras na intención de deconstruír o androcentrismo sobre o que pivotou historicamente o coñecemento académico, facendo visibles figuras verdadeiramente relevantes que, malia os estereotipos e prexuízos de xénero que indefectiblemente tiveron que soportar, xa forman parte merecidamente da Historia da Educación.

Daquela, esta visión global tradúcese en pósters que teñen como protagonistas a galegas como María Barbeito, Elvira Bao, Antonia Ferrín, Antía Cal ou Camino Pereiro. Xunto a elas, figura outras educadoras españolas como Gloria Giner, Justa Freire, Margot Moles, María Antònia Canals, Heike Freire ou Gey Lagar. Metras, profesoras e, en definitiva, educadoras europeas, tal e como son Aspasia de Mileto, Hipatia de Alexandría, Jeanne de Lestonnac, Rosa Agazzi, Nadezhda Krúpskaya ou Emma Goldman; latinoamericanas como Anália Franco ou Dolores Cacuango, e mesmo norteamericanas como Mary Bethune.

Alén de rescatar do esquecemento e recuperar para a actualidade o traballo feito por todas estas mulleres, ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’ afonda e reflexiona sobre o feito de que a profesión educativa responde a un cometido tradicionalmente asignado ás mulleres. Deste xeito, fronte a unha realidade social e educativa aínda rexida por perfís masculinos, a exposición ofrece unha suxestiva panoplia de figuras da pedagoxía feminista e dá resposta á necesidade de educar desde unha perspectiva de xénero e pola igualdade.

0.067393064498901