A Facultade de Veterinaria acolle as xornadas técnicas da Cost Action BeSafeBeeHoney

LugoXa
Unha vintena de investigadores reúnense en Lugo nun encontro organizado pola USC para avanzar na protección da autenticidade e calidade dos produtos apícolas
Xornadas-técnicas-BesafeBeeHoney-Lugo
3 Mar 2026

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra foi escenario da inauguración das xornadas técnicas da Cost Action BeSafeBeeHoney, unha cita promovida pola Universidade de Santiago de Compostela que congrega durante dúas xornadas arredor dunha vintena de investigadores e investigadoras co propósito de afondar na defensa da autenticidade e da calidade dos produtos apícolas.

No acto de apertura, a deputada provincial Pilar García Porto destacou a riqueza natural da provincia de Lugo, lembrando que máis do 80 % do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera, así como o valor do seu patrimonio cultural e dos seus espazos protexidos, que constitúen un refuxio para a biodiversidade. A responsable provincial puxo o acento na fonda tradición apícola do territorio, favorecida por un clima temperado e pola ampla diversidade floral, e animou ás persoas asistentes a coñecer a provincia.

García Porto salientou tamén o modelo turístico polo que aposta a Deputación, baseado nunha experiencia respectuosa coa natureza e que contribúa a xerar riqueza nas economías locais. Ademais, subliñou o compromiso da institución provincial coa investigación, coa educación e coa transferencia de coñecemento, convencida do impacto positivo que estas áreas teñen no conxunto da sociedade.

Na inauguración participaron igualmente o decano da Facultade de Veterinaria, Fernando Muñoz; a organizadora da Cost Action 22105, Andreia Freitas; a directora de iTerra, Marta López; e a organizadora do encontro en Lugo, Carolina Nebot, xunto con outras autoridades académicas e institucionais.

0.11686706542969