A Facultade de Veterinaria da USC reúne en Lugo expertos internacionais en apicultura sostible

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela converterase os días 3 e 4 de marzo no escenario de diversas xuntanzas técnicas da rede europea BeSafBeeHoney, unha plataforma internacional que promove o desenvolvemento sostible da apicultura. Esta iniciativa integra persoal investigador universitario, centros de I+D, organizacións non gobernamentais e compañías procedentes de máis de 40 países.
Durante as dúas xornadas celebraranse reunións de distintos grupos de traballo especializados nas propiedades nutricionais e terapéuticas do mel, nas doenzas máis frecuentes e nos factores que ameazan a supervivencia das colonias de abellas, así como nas repercusións que a desaparición destes insectos pode ter sobre os ecosistemas agrarios. Nos encontros participarán 25 investigadores e investigadoras pertencentes a universidades e centros científicos de Portugal, Alemaña, Polonia, Turquía, Serbia, Albania, Macedonia e Arxelia. Ademais, intervirán produtores e representantes do sector apícola tanto da provincia de Lugo como do conxunto de Galicia.
A actividade está promovida pola área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria e contará co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que estende así o seu apoio ao ámbito da investigación. A institución provincial reforza deste xeito as súas accións a favor do sector apícola, centradas especialmente na formación de apicultoras e apicultores en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e coa Casa do Mel de Goente.