A Facultade de Veterinaria de Lugo faise co selo de excelencia da Xunta á calidade universitaria

LugoXa
O grao en Veterinaria impartido pola USC no Campus de Lugo vén de acadar o selo de excelencia á calidade académica outorgado pola Xunta de Galicia, segundo se publica no Diario Oficial de Galicia, no que tamén se fai pública a concesión dunha distinción que ata o momento operaba para os títulos de máster aos graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia, ofertados pola UDC.
9 Abr 2024

O grao en Veterinaria impartido pola USC no Campus de Lugo vén de acadar o selo de excelencia á calidade académica outorgado pola Xunta de Galicia, segundo se publica no Diario Oficial de Galicia, no que tamén se fai pública a concesión dunha distinción que ata o momento operaba para os títulos de máster aos graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia, ofertados pola UDC.

A acreditación supón un recoñecemento, pero tamén implica un compromiso por seguir a mellorar, sinala o decano do centro universitario, quen apunta as continuadas propostas de adaptación do grao en Veterinaria aos criterios esixidos en Europa como unha das razón desta distinción. O selo de excelencia académica expedido pola Xunta de Galicia é “un recoñecemento máis a unha titulación que xa goza da acreditación europea expedida pola EAEVE”, asegura Gonzalo Fernández Rodríguez.

Fernández Rodríguez lembrou os diferentes plans e iniciativas implantadas xa na Facultade de Veterinaria da USC en aras a mellorar a formación dos seus titulados. A progresiva dotación de equipos de simulación e a posta en marcha dunha aula de habilidades clínicas e doutra de simulación virtual constitúen avances que posibilitan ao alumnado realizar prácticas e adquirir certa pericia antes de traballar con animais vivos.

A elevada demanda de alumando que rexistra o grao, un título que ofrece cada curso 110 prazas de novo ingres e recibe máis de 800 solicitudes, das que máis da metade son de estudantes de fóra de Galicia, a ampla de rede de convenios nacionais e internacionais e a progresiva internacionalización dunha facultade na que se forman profesionais que seguen a ter unha boa inserción laboral, constitúen, en opinión de Fernández Rodríguez, outros dos motivos desta nova acreditación, un selo de excelencia académica.

Docentes de alto nivel

A estas razóns tamén contribúe “a existencia dun cadro docente de calidade e cun alto nivel de produción científica, tal e como o proba o feito de que un terzo dos 16 grupos de investigación do centro están catalogados como equipos de referencia competitiva”. As fortalezas salientadas polo decano da Facultade de Veterinaria da USC concordan en gran medida cos criterios de avaliación aplicados pola Xunta de Galicia para a concesión do selo de calidade, unha distinción orientada a fomentar a excelencia e a innovación na sociedade do coñecemento.

Daquela, a taxa de gradación, ocupación e abandono, a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co tecido empresarial, a metodoloxía docente, a excelencia do profesorado, o grao de inserción laboral de profesionais titulados, a excelencia do PDI e a pegada internacional do centro foron algunhas das cuestións valoradas para a concesión deste selo de excelencia, unha distinción que estará vixente durante seis cursos académicos e que permite acceder a financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022- 2026.

0.092563152313232