A FAPACEL denuncia a falta de prazas suficientes no IES Sanxillao de Lugo

LugoXa
Ante este panorama, Olalla Rodil destacou que o BNG xa levou ao Parlamento Galego unha serie de iniciativas para pedir a ampliación das liñas de 1º de ESO no centro
BNG-Lugo-con-IES-Sanxillao
20 Mar 2025

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, e a concelleira de Educación en Lugo, Iria Buíde, mantiveron recentemente unha xuntanza coa FAPACEL (Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnado de Centros Públicos de Lugo) para analizar a necesidade de actualizar o mapa escolar na cidade de Lugo, tendo en conta a situación actual dos centros educativos e a crecente demanda de prazas.

A FAPACEL denunciou a falta de prazas suficientes no IES Sanxillao para atender á demanda de alumnado procedente dos centros de primaria adscritos á zona, como o CEIP As Mercedes, CEIP Sagrado Corazón, CEIP As Gándaras, CEIP Illa Verde, IES San Xillao e O Corgo. A Asociación subliña que as tres liñas coas que foi orixinalmente concibido este instituto non son suficientes para dar resposta ás necesidades actuais.

A falta de prazas no IES Sanxillao quedou patente cando, no curso 2023/2024, se tivo que incrementar unha liña máis no curso de 1º de ESO para atender á demanda, e no curso 2024/2025 se ofreceron cinco liñas. A situación complícase aínda máis debido a que o IES Sanxillao é un dos tres centros da provincia que imparte Bacharelato de Artes, o que incrementa o número de estudantes, pero non a infraestrutura e o espazo dispoñible no centro.

Representantes da FAPACEL explicaron que o Sanxillao é un centro Liña 3, que foi pensado como un instituto pequeno posto que ten tamén unha ampla oferta de ciclos formativos de FP, pero no  curso 23/24 tiveron que ampliar a Liña 4 e no curso 24/25 o centro "tivo que asumir nos mesmos espazos unha liña máis para dar cabida" ás solicitudes de admisión, co cal un centro pensado para liña 3 ten liña 5".

Así, sosteñen que "vemos claramente a masificación a qué está sometido este centro que é un dos tres centros da provincia que conta con bacherelato de artes".

INICIATIVAS DO BNG

Ante este panorama, Olalla Rodil destacou que o BNG xa levou ao Parlamento Galego unha serie de iniciativas para pedir a ampliación das liñas de 1º de ESO no IES Sanxillao para garantir que as prazas sexan suficientes para cubrir a demanda dos centros adscritos.

"Ademais, xunto coa FAPACEL, tamén solicitamos que se revise a zonificación escolar da cidade, un mapa escolar que ten máis de 25 anos e que non se adapta á realidade demográfica nin urbanística actual de Lugo", explicou Rodil.

A deputada do BNG tamén fixo fincapé na falta de previsión por parte da Xunta de Galicia ante esta problemática. Segundo a súa valoración, esta situación non é un problema que xurda de forma repentina, senón que é un asunto que, se se analizase a fondo a demografía da cidade de Lugo, se podería ter resolto con antelación.

"É evidente que este é un problema que podería haberse abordado de maneira anticipada. A falta de previsión por parte da Xunta de Galicia é clara, e iso está a afectar á comunidade educativa de Lugo", concluíu Olalla Rodil.

Este chamado a revisar a zonificación e ampliar as prazas nos centros educativos forma parte da constante preocupación do BNG por mellorar a infraestrutura educativa na cidade e garantir a igualdade de oportunidades para todos os estudantes.

⚙ Configurar cookies
0.18985795974731