A Federación de Veciños Lucus Augusti pide á Xunta unha residencia de maiores na antiga sede de Aspnais
Desde a Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti de Lugo piden a Xunta que " reacondicione, acondicione e dedíque a antiga sede de Aspnais situada na Rampla de Claudio López para unha residencia de maiores" xa que "en Lugo, para obter unha praza nun Residencia de Maiores Pública, hai unha espera media de entre ano e medio a dous anos, a cal nos parece unha espera excesivamente longa" declaran dende a asociación.
A Federación de Asociacións declara que "nos últimos anos no concello de Lugo non se crearon prazas públicas en residencia de maiores, a finais dos anos 70 inaugurouse a das Gándaras e desde esa data só se crearon unhas 20 prazas públicas na Residencia da Milagrosa, polo que hai unha gran carencia de prazas públicas e hai moita xente que non pode pagar unha praza nun centro privado, e insistimos unha vez máis, que a espera para obter unha praza pública é excesivamente longa".
Dende a asociación tamén piden que "ao conceder unha praza nunha residencia pública se teña en conta o arraigamento da persoa co lugar onde desenvolveu a súa vida. É dicir, que se teña en conta a relación da persoa coa súa contorna máis próxima"
Por todo esto creen que "esta podería ser unha oportunidade adecuada, preparando o antigo edificio de Aspnais para que fosen unha residencia pública para maiores".