A Federación de veciños Lucus Augusti pide o fin do monopolio da ITV
Dende a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti da provincia de Lugo denuncian que, tras levar a cabo un estudo dos datos actualizado, a día de hoxe, a Inspección Técnica de Vehículos segue supoñendo un monopolio en España e, por tanto, tamén na provincia de Lugo.
A Federación lembra que as administracións con competencia directa fronte á I.T.V. son o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo do Goberno de España; e en materia de xestión, as Comunidades Autónomas. No caso de Galicia, do mesmo xeito que sucede en Asturias, Andalucía ou Estremadura, este servizo préstase a través de empresas públicas.
"Facendo un cálculo rápido pero moi aproximado, baseado nos datos oficiais das propias estacións –que son públicos- chegamos a resultados como que, nunha estación, exemplo da capital lucense, acceden unha media de 11 vehículos cada hora por cada unha das 5 portas de acceso, ao cabo de 1 hora accederían á estación 55 vehículos. O número de horas ao día que está operativa unha estación é de 13 horas. Por tanto, cada día acceden a esa estación unha media de 715 vehículos", sinalaron dende a propia Federación.
Así mesmo, tamén engadiron que "outro dato para ter en conta é o prezo medio da inspección: 50 euros. Por tanto, o importe diario que ingresará dita estación será de 35.750 euros. Extrapolando os datos a 1 ano, obtemos como resultado que dita estación de I. T.V. ingresaría un importe de 10.296.000 euros. Neste punto, cabe engadir que os beneficios de cada estación roldan o 50% dos ingresos. Por tanto, dita estación exemplo obtería de media máis de 5 millóns de euros de beneficio ao ano".
Por esta razón, dende a Federación Lucus Augusti defenden que as cifras son despropocionadas e manifestan o seu rexeitamento á "pervivencia dos monopolios, na mesma liña do que solicita tamén a propia Comisión Europea".
Desde a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti propoñen a liberalización a este respecto, e que poidan exercer como puntos de I. T.V. os concesionarios oficiais e talleres de vehículos que así o desexen, a condición de que estean dotados do necesario e requirido equipamento humano e técnico -para o que solicitan tamén o apoio a nivel de investimento por parte das Administracións-; e, por suposto, tamén, sendo sometidos aos controis e supervisión pertinentes.
"O fin dos monopolios é beneficioso polo que supón de competitividade, e iso redunda nun incremento da calidade -do que se beneficia a sociedade no seu conxunto-; e tamén un abaratamento dos prezos que debe acometer o propietario do vehículo ou vehículos", concluíron dende a Federación Lucus Augusti. Así mesmo, esperan que a súa petición sea tida en conta polas administracións competentes.