A Federación de Veciños Lucus Augusti pide que o 50 % do recadado polo canon da auga se reinvista

A Federación de Veciños Lucus Augusti denunciou que o Concello de Lugo recadou e transferiu á Xunta de Galicia aproximadamente 14 millóns de euros en concepto de "canon da auga" nos últimos anos, "sen recibir nin un só euro de retorno para o saneamento rural do municipio".
Segundo a Federación, este importe, recadado dos petos dos cidadáns de Lugo, foi utilizado pola Xunta "exclusivamente para sanear concellos gobernados polo Partido Popular", deixando á marxe a capital lucense.
Así, consideran que esta situación é unha "clara inxustiza" e reclaman que, polo menos, o 50% do recadado en cada municipio se reinvista obrigatoriamente no mesmo.
A proposta da Federación propón que o outro 50% do recadado co "canon da auga" poida destinarse a pequenos concellos que necesiten apoio financeiro, sempre baixo criterios obxectivos como a extensión da zona rural, o número de núcleos rurais e a dispersión da poboación. Asimesmo, insisten en que a distribución destes fondos non debe depender da cor política dos concellos beneficiados.
Actualmente, unha gran parte da zona rural do Concello de Lugo carece de saneamento, a pesar de ter achegado 14 millóns de euros en concepto de canon da auga.
A Federación de Veciños Lucus Augusti considera que a Xunta de Galicia está desatendendo as súa obrigas coa cidade e esixe unha redistribución xusta e equitativa destes fondos.