A federación de veciños reclama melloras na rúa Montirón

A Federación de Asociacións de Veciños 'Lucus Augusti' de Lugo insta ao goberno local a destinar presuposto para o arranxo das beirarrúas da rúa Montirón polos "graves desperfectos" que presentan. Consideran que o estado actual destas beirarrúas "conleva un risco considerable para a seguridade dos viandantes".
O colectivo veciñal solicita tamén ao Concello, para a mesma vía, a substitución do alumeado público, do que din que é "completamente obsoleto, de escasa potencia lumínica e de elevado consumo".
Lembran que a rúa Montirón, a principal do barrio do mesmo nome, é unha zona moi transitada e na que ademais hai un colexio.