A Federación Lucus Augusti critica a "pasividade" do Concello en relación ás liñas de bus

LugoXa
Dende a Federación de Asociacións veciñais Lucus Augusti denuncian que aínda non obtiveron resposta do Concello de Lugo.
29 Xul 2021

Dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo manifestan "decepción e pesar ante a actitude de completa pasividade dos titulares da Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo no referido ao caos orixinado polo novo trazado de liñas de autobús urbano na cidade de Lugo e as múltiples queixas veciñais que dende a nosa entidade trasladámoslles e ás que fixeron caso omiso".

Así pois, dende a Federación defenden que se reuniron con veciños e veciñas dos diferentes barrios e parroquias de Lugo -tanto núcleos urbanos como rurais- co fin de escoitar as diferentes opinións que tiñan en relación á remodelación do trazado de liñas de autobús urbano levada a cabo "sen a máis mínima consulta a quenes son os destinatarios finais da mesma: os veciños e veciñas de Lugo".

Por outro lado, dende a entidade constatan que a remodelación carece de transparencia e información "motivando que, na práctica, os autobuses urbanos estean a circular baleiros na súa maioría, xa que os usuarios carecen da información necesaria. Ademais están a realizar traxectos en todo punto ilóxicos e que unicamente contribúen a alongar a viaxe ou obrigar a moitos dos usuarios a realizar transbordos". Por outra banda, denuncian que, a causa de esta situación, deixan sen servizo a numerosos veciños e veciñas dos diferentes barrios e parroquias lucenses no que se refire a traxectos cara a puntos relevantes da cidade.

Así mesmo, matizan que dende a entidade fixeron chegar mediante rexistro electrónico as achegas veciñais en canto a queixas, suxerencias e propostas de novos percorridos sen que "supoña incremento de quilómetros", de cada barrio e parroquia visitados. Sen embargo, según denuncian, non houbo ningunha resposta ao respecto.

Desta maneira, dende a Federación sinalan, "unha vez máis, que o transporte urbano é un servizo público, sufragado co diñeiro de todos os lucenses, e que na actualidade non está a cumprir a súa función. Do mesmo xeito que os titulares da Concellería de Movilidad do Concello de Lugo son responsables públicos, e teñen a obrigación de escoitar e atender as demandas veciñais, así como dar explicacións".

Para concluír, dende Lucus Augusti explican que seguen sen ter información acerca de cando vai ser convocada a Mesa de Transporte do Concello de Lugo -na que se abordan as cuestións ás que se refiren- nin obtiveron, según comentan, resposta a se van a ser convocados á mesma como solicitaron, ao levar a voz dos veciños e veciñas lucenses.

0.20745515823364